"O ano pasado quedamos sen luces de Nadal e este ano sen Pontedetapas", lamenta o PSOE

Pontevedra
15 de novembro 2023

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, di que esta iniciativa "significaba unha axuda moi importante para a hostalería da nosa cidade nun mes tradicionalmente malo, como é o de novembro"

Pontedetapas Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do PSOE, Iván Puentes, lamentou "o novo exercicio de indolencia" por parte do goberno local ao non celebrar o certame Pontedetapas 2023.

"O ano pasado quedamos sen luces de Nadal e este ano sen Pontedetapas, pagando o pato tódolos hostaleiros e toda a veciñanza, que desfrutaba en novembro da súa hostalería local", lamentou o edil socialista.

Iván Puentes destacou que Pontedetapas "é unha iniciativa que significaba unha axuda moi importante para a hostalería da nosa cidade nun mes tradicionalmente malo, como é o de novembro". 

O PSOE critica as "escusas" que se dan por parte da concelleira Anabel Gulías cando argumenta que non hai cartos para celebrar esta edición e que tampouco houbo tempo material para organizalo.

En opinión de Iván Puentes, "ningunha das dúas cousas poden xustificar esta decisión" xa que, segundo apunta, "se quixeran aprobar unha partida específica para o Pontedetapas non terían máis que introducila nesa modificación de crédito e sairía adiante co voto do Partido Socialista". Sobre a falta de tempo, afirma que "este Goberno Local leva xa seis meses exercendo as súas responsabilidades, o que supón un tempo máis que prudencial para organizar un evento tan rodado e experimentado como o Pontedetapas". 

En conclusión, o PSOE cre que "o que hai detrás" é "falta de dedicación, de traballo e de planificación en cada unha das concellerías", polo que considera que "estamos ante un Goberno Local superado, que non está no día a día das súas áreas e responsabilidades".