O ámbito da Alameda terá un maior carácter peonil e haberá cambios nos aparcamentos

Pontevedra
04 de xuño 2020

Garantir os circuítos peonís nunha área na que hai espazos que teñen unha gran afluencia de persoas. É o obxectivo dos traballos que comezaron este xoves na contorna da Alameda para reforzar a prioridade peonil deste ámbito urbano

Obras de accesibilidade na rúa Prudencio Landín Concello de Pontevedra

Garantir os circuítos peonís nunha área na que hai espazos que teñen unha gran afluencia de persoas. É o obxectivo dos traballos que comezaron este xoves na contorna da Alameda para reforzar a prioridade peonil deste ámbito urbano.

O Concello consideraba prioritaria esta actuación ao coincidir alí a propia Alameda, o centro de saúde Virxe Peregrina, a parada de taxis, a facultade de Belas Artes ou a praza de España.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, explicou que será unha obra de "precisión cirúrxica" coa que se mellorará a seguridade viaria, a accesibilidade e se garantirá a preferencia peonil nas plataformas únicas que existen nesta contorna.

Está previsto que no tramo da rúa Alameda, entre a rotonda de San Roque e o centro médico Virxe Peregrina, se reorganice toda a zona de estacionamento.

Alongarase a parada de taxis, que quedará no mesmo lugar que ocupa actualmente, seguido dunha zona de estacionamento destinada a uso da universidade, e en terceiro lugar situaríanse as prazas de aparcadoiro para motos.

Neste tramo de rúa tamén se reforzará a seguridade viaria coa instalación dun redutor de velocidade á altura da parada de taxis.

Nos arredores do edificio da Subdelegación do Goberno, pola súa banda, a actuación irá encamiñada a mellorar a accesibilidade e a protexer os circuítos peonís ante certos problemas de convivencia con vehículos que se detectaron nalgúns puntos.

Nesta área procederase á reposición de pavimento e á instalación de bolardos tanto nun lateral do edificio, na rúa Doutor Enrique Marescot, como na parte traseira, na rúa Prudencio Landín.

A instalación de bolardos nestas dúas rúas, segundo o Concello, evitará situacións detectadas con vehículos que estacionaban invadindo o espazo público destinado a peóns, de cara a reforzar a prioridade peonil coa que foron concibidas estas plataformas únicas.