O alumnado pontevedrés, protagonista das protestas con motivo da folga mundial polo clima

Pontevedra
23 de setembro 2019

A Federación Provincial de Anpa de Centros Públicos de Pontevedra (Fanpa), a Federación de asociacións de veciños Castelao e o Concello de Pontevedra sumaranse este venres á concentración convocada pola Rede de Escolas Asociadas á Unesco ás 12.00 horas na praza da Peregrina

Presentación das actividades de Efecto PO2 Cristina Saiz

A Federación Provincial de Anpa de Centros Públicos de Pontevedra (Fanpa), a Federación de asociacións de veciños Castelao e o Concello de Pontevedra sumaranse este venres á concentración convocada pola Rede de Escolas Asociadas á Unesco ás 12.00 horas na praza da Peregrina con motivo da folga mundial polo clima.

Trátase dunha protesta na que o protagonismo será para o alumnado dos centros escolares pontevedreses, pero á que están convocados todos os colectivos e a veciñanza que o desexe. 

A protesta implicará a lectura dun manifesto que están a elaborar alumnos de centros da Rede de Escolas Asociadas á Unesco e está previsto que asistan estudantes de distintos centros, en especial dos ubicados no centro de Pontevedra. No resto, haberá actos de protesta á mesma hora nos patios dos colexios, polas dificultades de desprazamento en horas lectivas. 

As coordinadoras estatal e galega da Rede, Luisa Márquez e María Jesús Enguídanos, explicaron que esta convocatoria ten un "significado especial" para as Escolas Asociadas á Unesco, que levan 20 anos traballando por un mundo máis sustentable e buscan una educación transformadora e sustentable

Luisa Márquez insiste en que "o cambio climático xa se produciu", pero "agora temos que loitar contra os efectos" e pide ao Concello de Pontevedra que faga visible todo o traballo que xa está a facer neste eido e para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e a Axenda 2030.

María Jesús Enguídanos indicou que os centros educativos están a facer moito traballo nas aulas para contribuír a concienciar e visibilizar a situación de emerxencia climática, con actividades todos os días, e Rogelio Carballo, presidente da Fanpa, deu a coñecer que desde a federación se potenciará que as súas actividades habituais se fagan con enfoque cara a este tema, co obxectivo de chegar ao alumnado e tamén ás familias e que toda loita polo clima "non se quede nunha mera manifestación". 

Esta protesta intégrase na programación posta en marcha polo Concello de Pontevedra dentro do programa Efecto PO2.

A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, indicou que se trata dunha acción directa na loita contra a emerxencia climática e dunha aposta pola mobilización, visiblización e protesta enérxica para lograr que as institucións se impliquen na loita polo clima e as persoas tomen conciencia de que está nas súas mans contribuír a mellorar o rumbo actual.