O alumnado do colexio San Xosé interpreta a música máis diversa coas súas mans

Pontevedra
05 de marzo 2021

Escolares do centro educativo San Xosé representan en lingua de signos a canción dos días da semana e o tema ‘Nun Bou’ de Nelson Quinteiro, no marco do programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’. O concelleiro Marcos Rey, que asistiu á actuación xunto cos edís Tino Fernández e Yoya Blanco, destaca o carácter innovador dun plan destinado a sensibilizar sobre a diversidade sensorial  

Alumnado do Colexio San Xosé representa música en lingua de signos Concello de Pontevedra

O alumnado do Colexio San Xosé de Pontevedra protagonizou este venres na Praza do Teucro unha actuación na que interpretaron con lingua de signos a canción dos días da semana, no marco do programa municipal inclusivo ‘Manciñas 20Vente-20Vente’. O acto estivo interpretado únicamente coas mans e atopábase, a súa vez, dividido en dúas partes: unha delas facía de público, levando unhas luvas de cores con mensaxes reivindicativas, mentres que a outra era a actuación en sí.

O acto contou coa asistencia do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, impulsor do proxecto, así como do tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández; a edil de Igualdade, Yoya Blanco e a presidenta da Organización de Persoas con Diversidade Sensorial XOGA, María Jesús Monterde, así como do propio Nelson Quinteiro, que acompañou á rapazada cantando e bailando.

Esta actuación contou cunha enorme implicación por parte de alumnado de diversos cursos do centro escolar. Así, na primeira actuación, que incluíu unha muiñeira, o alumnado de 4º de primaria interpretou a canción dos días da semana e o tema ‘Nun bou’ ante os seus compañeiros de 5º e 6º curso. Por último tocoulles a quenda aos de 3º Primaria, que tiveron como espectadores aos de 1º e 2º curso.

Marcos Rey lembrou que o programa ‘Manciñas 20Vente-20Vente’ foi deseñado co obxectivo de sensibilizar á comunidade educativa de Pontevedra sobre a diversidade sensorial e o emprego da lingua de signos como vehículo de comunicación. Ademais, remarcou que "é importante reseñar o seu carácter interdisciplinar e innovador, xa que se vai construíndo grazas as achegas da comunidade docente, do alumnado e das entidades sociais, entre outras".

A iniciativa foi presentada do mesmo xeito o ano pasado a todos os centros educativos. Á reunión informativa organizada por Benestar Social acudiran unha vintena de representantes de centros educativos de Infantil e Primaria, e mesmo o Conservatorio Profesional Manuel Quiroga. Tal e como apunta Marcos Rey, "a poboación inicial á que ía dirixido o programa ‘Manciñas 20Vente20Vente’ foi ao alumnado de 3º e 4º de Primaria, pero houbo peticións dalgúns colexios para poder implementalo tamén en cursos superiores ou inferiores".

Unha das peticións foi por parte do Coro do IES A Xunqueira I, que está actualmente organizando a gravación dunha canción en lingua de signos, e no que están a manter contactos para a elaboración do mesmo. Dende o centro consideran esta actividade como unha oportunidade para empregala en diversos foros. "Ademais disto, tamén se recibiron solicitudes de axudas con respecto a alumnado con necesidades específicas relacionadas co ámbito da diversidade sensorial", subliña Marcos Rey.

O autor da canción, Nelson Quinteiro, declarou estar emocionado coa actividade. Na actuación, os pequenos non contaban coa sorpresa do cantante, que foi visitalos e puido ver as actuacións basadas na súa canción. ‘Nun bou’ é a obra pertencente ao quinto clip do disco ‘Músicas de domingo’ e realizado cooperativamente co pianista Brais González.

O programa ‘Manciñas 20Vente20Vente’ permite entablar un feedback’ co autor. Esta colaboración consiste en enviar un vídeo onde o alumnado represente o tema en lingua de signos. É de libre creación, polo que lle poden engadir todas as contribucións que consideren oportunas; como bailes, coreografías, ou outro tipo de ambientación. Todos os vídeos estarán subidos no enlace de Manciñas na páxina web do Concello de Pontevedra. A  Concellería de Benestar Social xa recibiu solicitudes de envío de 3 centros, e agora agardan que se produzan novos envíos paulatinamente.