O alumnado do colexio de Santo André de Xeve aprende xogando que é a compostaxe

Pontevedra
17 de febreiro 2020

"O xogo da miñoca" centrou as actividades dos escolares de 2º curso de Primaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación

O alumnado do colexio de Santo André de Xeve co "xogo da miñoca" Deputación de Pontevedra

O alumnado das escolas de 2º de Primaria do CEIP de Santo André de Xeve aprenderon este luns xogando en que consiste a compostaxe.

Participaron, xunto co seu profesorado nunha xornada da man da Deputación e o Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) na que, cun discurso adaptado á súa idade, aprenderon a importancia de aproveitar os residuos orgánicos, convertelos en compost e coidar o medio ambiente.

Durante a mañá os monitores xogaron coas crianzas ao xa moi coñecido e demandado "Xogo da miñoca", que consiste nunha variación do xogo da oca na que os nenos, formando equipos, tiveron que pasar unha serie de probas e preguntas (sobre que tipo de elementos se poden botar na composteira, como se produce a conversión do lixo en compost, ou que técnicas hai que aplicar para chegar a ter un bo compost).

O alumnado tamén tivo que buscar solucións a elementos negativos para a compostaxe do lixo orgánico, como a achega de impropios ao composteiro ou esquecer pechar a tapa deste, casiñas que provocan que no xogo se atrasen postos ou se deixen xogadas sen tirar.

A intención destes obradoiros organizados grazas ao convenio entre Deputación e Ceida é concienciar tanto ao alumnado, aos profesores e mesmo aos pais dos centros de ensino Infantil, Primaria e Secundaria da provincia da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Ademais das actividades específicas destinadas aos escolares máis pequenos son moitos os centros de ensino que están a gozar doutras programacións específicas sobre compostaxe, como o "Xogo da miñoca", e o obradoiro "Quen vive aí?", no que se lles ensina a identificar os invertebrados presentes nos composteiros e a súa importancia no proceso da compostaxe.

Finalmente, o vindeiro día 30 de marzo realizarase unha visita a algún dos centros de compostaxe comunitario que a Deputación ten instalados no Concello de Pontevedra.