O alumnado do centro integrado de formación profesional Carlos Oroza segue a ampliar a súa formación sobre os procesos de compostaxe. Este curso haberá novas palestras para consolidar os coñecementos que xa empezaron a adquirir nos anos anteriores no marco do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
A formación comezou a pasada semana coas primeiras charlas a estudantes de Cociña e Panadería. Persoal técnico provincial faloulles sobre a xestión do lixo e despois visitaron los composteros comunitarios que dan servizo ao centro de hostalería.
Estas xornadas teóricas, que se repetirán este xoves e a primeiros de outubro para outros membros da comunidade educativa, completaranse co traballo práctico nas clases, compostando os residuos orgánicos e utilizando o compost para a horta ecolóxica.
As palestras son impartidas por mestres composteiros que explican ao alumnado a ligazón entre a compostaxe, a economía circular e a hostalería de calidade, aportando datos sobre como é a xestión da recollida e tratamento do lixo na actualidade, en que consiste compostar e como é o proceso en xeral, e como se compostan os biorresiduos do Carlos Oroza en particular.
O alumnado xa ten comprobado a calidade dos vexetais obtidos, xa que levan recollido varias colleitas de inverno e verán, sendo esta última moi grande, polo que foi repartida ente colaboradores e incluso conxelada para poder utilizala ao longo do curso.