O alumnado de primaria de Pontevedra, "un gran exemplo para a xente maior" que merece a felicitación do alcalde

Pontevedra
25 de decembro 2020

Lores enviou unha felicitación de Nadal para toda a comunidade educativa dos centros de primaria pontevedreses e ao alumnado de quinto e sexto quixo engadirlle unha carta específica para felicitalo polo seu comportamento ante a covid-19 e pedirlle a súa opinión obre cales serían os seus tres desexos relativos á escola e amizades, á familia e á cidade

Aula baleira Mónica Patxot

"Supoño que vos estrañará recibir a miña carta. Como non podo achegarme a todos os coles polas medidas de seguranza da pandemia, quería agradecervos a través desta carta o ben que vos estades a comportar para acabar con este virus. Estades sendo un gran exemplo para a xente maior". 

O que fala é Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e o destinatario desta frase é o alumnado de quinto e sexto curso de Primaria dos centros educativos de Pontevedra, ao que nos últimos días lle remitiu unha carta de agradecemento polo seu comportamento durante o actual curso escolar e o seu cumprimento da normas sanitarias fixadas para frear a expansión da covid-19. 

Lores enviou unha felicitación de Nadal para toda a comunidade educativa dos centros de primaria pontevedreses e para o alumnado de quinto e sexto quixo engadir unha carta específica con este contido.

Ademais de felicitar aos escolares, Lores anímaos a manter esta actitude durante o Nadal. "Seguide sendo tan rigorosos coas medidas sanitarias", pídelle na misiva, na que tamén aproveita para convidar ao alumnado a que lle transmita a súa opinión a través de tres desexos relativos á escola e amizades, á familia e á cidade

Así, pídelle que imaxinen que teñen unha variña máxica e que poden pedir tres desexos. Cal pedirían? Lores agarda a resposta do alumnado, que pode enviarse ao correo electrónico da Alcaldía de Pontevedra. 

Desde o Concello de Pontevedra explica que esta petición do alcalde forma parte da súa filosofía de darlle voz ás crianzas e coñecer de primeira man as súas opinións, neste caso en particular sobre a situación de excepcionalidade derivada da covid-19.