O alumnado de Ponte Sampaio empápase do amor ao galego de María Victoria Moreno

Pontevedra
14 de maio 2018

A escritora e xornalista Montse Fajardo inaugurou este luns a programación deseñada polo CEIP de Ponte Sampaio para conmemorar a Semana das Letras Galegas e trasladar ao alumnado a traxectoria vital e profesional de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano co Día das Letras

Montse Fajardo presenta 'O escalón de Ulises' no CEIP de Ponte Sampaio

A escritora e xornalista Montse Fajardo inaugurou este luns a programación deseñada polo CEIP de Ponte Sampaio para conmemorar a Semana das Letras Galegas e trasladar ao alumnado a traxectoria vital e profesional de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano co Día das Letras, e o seu amor pola lingua galega a pesar de ser natural de Valencia de Alcántara (Cáceres) e de aprender galego xa de adulta. 

Montse Fajardo falou ao alumnado de entre primeiro e sexto de Primaria do colexio sobre o libro que acaba de publicar, O escalón de Ulises, editado polo Concello de Pontevedra sobre a faceta máis humana e persoal de María Victoria Moreno.

O centro destaca que a actividade foi "moi gratificante e enriquecedora para todos", xa que ademais de Montse Fajardo interviu unha ex alumna de María Victoria que fixo fincapé en aspectos máis persoais dela que chegaron a emocionar ao alumnado: "As súas clases eran en castelán, formaban parte da materia de Literatura Española, pero cando me veñen á mente todos os recordos dela a súa voz é en galego", destacou.

Monse Fajardo explicoulle ao alumnado que ela, estremeña de nacemento e pontevedresa de corazón, tivo que aprender galego xa de ben maior e, desde que empezou a falalo, xa non o deixou. Na súa intervención incidiu en que non só escribía e falaba na nosa lingua, tamén pensaba nela e fixo grandes contribucións para engrandecela. O amor pola lingua que trasladaba aos seus alumnos foi unha delas.

Segundo explican desde o colexio, os nenos aprenderon sobre a súa vida persoal, a valentía coa que o afrontaba todo, a forza inesgotable dunha profesora que plasmou o seu amor pola docencia en cada actividade diaria da súa vida, e sobre os seus libros, moitos deles adicados "para os meus alumnos, que sempre encheron de luz a miña vida"

Monse Fajardo explicoulle ao alumnado que este ano a cidade de Pontevedra realiza diversos actos para promover a figura de María Victoria Moreno e a algún chega ata a parroquia de Ponte Sampaio, onde este sábado 19 de maio está previsto un acto para conmemorar o Día das Letras Galegas. Convidou a todo o alumnado que asista en compañía dos seus pais, avós e familiares, para que tamén eles teñan oportunidade de achegarse a María Victoria e a súa obra.

No acto tamén se leron fragmentos de algúns dos seus libros para nenos e o alumnado amosoulle a Montse Fajardo o traballo que están a facer no centro educativo para dar a coñecer a súa persoa, desde poemas sobre a vida, a un rock sobre ela ou un cómic coa súa biografía.

O equipo de dinamización da lingua galega busca, con esta programación "render a nosa máis sincera homenaxe a María Victoria Moreno", da que destacan a súa faceta de profesora e tamén que se converteu nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo. Na información facilitada aos alumnos destacaron que foi autora de libros como Mar AdianteLeonardo e os fontaneirosA festa no faiadoA brétemaGuedellas de seda e liño ou Anagnórise, un dos maiores éxitos da literatura xuvenil en galego.