O alumnado achégase ás novas propostas formativas en Edugal coa ollada posta no futuro

Pontevedra
12 de febreiro 2020

Carmen Pomar, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional inauguraba este mércores no Recinto Feiral de Pontevedra este Salón de Oferta de Educación de Galicia, que organiza AEMPE. Durante tres días, estudantes de máis de 600 centros educativos pasarán polas instalacións para ver as propostas para a súa orientación académica

Edugal 2020 PontevedraViva

Carmen Pomar, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional inauguraba este mércores no Recinto Feiral de Pontevedra esta novena edición de Edugal, o Salón de Oferta de Educación de Galicia, que organiza AEMPE (Asociación de mediana e pequena empresa de Pontevedra). Durante tres días, alumnado de 600 centros educativos da comunidade visitarán os 56 expositores nos que se ofrecen diferentes opcións para a formación co punto de vista posto no mercado laboral.

José María  Corujo, presidente de AEMPE, abría o acto sinalando que os escolares actuais serán empresarios ou traballadores nun futuro distinto ao actual e de aí a necesidade de que coñezan as ferramentas novas. "A sociedade está en Fórmula 1. Hai que estar formado", indicou. Neste sentido destacou a presenza de dúas casetas institucionais, a estatal do  SEPE e a da Dirección Xeral de Emprego da Xunta.

Ernesto Pedrosa Silva, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, indicou que existen 83 universidades activas no Estado e máis de 8.000 titulacións en 349 campus universitarios e, con todo, existen empresas que atopan dificultades para obter persoal que ocupe postos cualificados. Por iso destacou a importancia de coñecer as ofertas de cara ao futuro profesional.

Pola súa banda, o deputado Santos Héctor destacou a presenza da Escola de Cantería neste Salón e os proxectos que se desenvolven desde a Deputación para fomentar a inserción laboral indicando que as súas propostas están representadas neste evento referente para toda Galicia e que, neste caso, vén marcado pola inclusión e a sustentabilidade.

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e de Universidade, destacou a presenza nesta edición das Escolas da Unesco e da Federación Galega de Fútbol. A representante municipal, que acudiu acompañada polo tenente de alcalde Tino Fernández, destacou que desde o goberno local continuarán apoiando a Edugal e a educación universal e de calidade. 

Por último, a conselleira de Educación Carmen Pomar inauguraba o acto despois de manter un encontro con estudantes moi novos e afirmaba que a formación ao longo da vida é algo irrenunciable para sinalar que hai tres bases fundamentais na formación das persoas: a familia, os docentes e as empresas. 

Despois, as autoridades realizaron un longo percorrido parándose en cada un dos postos de exposición instalados no Recinto Feiral no que figuran mostras educativas que van desde centros de Formación Profesional a universidades, pasando por centros de ensino, fundacións e empresas colaboradoras de FP Dual. A entrada a  Edugal é libre.