O aloxamento turístico de Poio medra ata as 3.639 prazas

Poio
10 de abril 2022

Segundo os datos que recolle a Axencia de Turismo de Galicia, o número de prazas en hoteis mantense en 1.117 desde 2018, mentres que son as vivendas de uso turístico as que experimentan un maior aumento, pasando de 1.087 en 2018 a máis de 1.700 na actualidade

Persoas paseando pola praia do Padrón, en Combarro Concello de Poio

O concello de Poio conta na actualidade cun total de 3.639 prazas de aloxamento turístico, unha cifra que vén a consolidar o crecemento dos últimos anos, desde que en 2020 se superasen por primeira vez as 3.000 unidades, segundo os datos que manexa a Axencia de Turismo de Galicia e que figuran tamén no Instituto Galego de Estatística (IGE).

Estas prazas corresponden a establecementos como hoteis, pensións, albergues, locais de turismo rural, campamentos, vivendas turísticas, apartamentos turísticos e vivendas de uso turístico. É precisamente neste último apartado onde o aumento de prazas non deixou de aumentar ao longo do último lustro. 

Así, se en 2018 o número de prazas correspondentes a este tipo de inmobles era de 1.087, actualmente supéranse as 1.700, o que supón un aumento de máis dun 35%. 

Para a tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), "estas cifras veñen a demostrar que o sector turístico local segue a ser un dos grandes motores económicos de Poio".

Á marxe das vivendas de uso turístico, tamén destacan as 1.117 prazas rexistradas no listado da Axencia de Turismo de Galicia correspondentes a hoteis. Neste sentido, a concelleira de Turismo indica que esta cantidade mantense inalterable desde hai xa máis de cinco anos. O mesmo ocorre coas pensións (83) ou cos apartamentos turísticos, que ascenden a un total de 518. Como principal novidade destacan as 26 prazas ofertadas en albergues, que aparecen por primeira vez recollidas no listado con respecto a anos anteriores.