Pontevedra pechou o mes de marzo con 1.330 demandantes de emprego menos nas oficinas públicas de emprego. Así se desprende do último balance oficial do Ministerio de Traballo coincidindo cun mes no que se aliviaron as restricións aprobadas pola Xunta de Galicia para frear a expansión da terceira onda da pandemia.
Segundo os datos facilitados este martes polo Ministerio de Traballo, a cifra total de demandantes de emprego na provincia era ao 31 de marzo 70.190, un 1,86% menos que un mes antes.
A pesar deste descenso, as cifras do paro seguen reflectindo un empeoramento do mercado de traballo desde o inicio da pandemia e na provincia de Pontevedra hai 1.489 demandantes de emprego máis que un ano antes. O paro creceu un 2,17% con respecto a marzo de 2020.
Por sexos, as mulleres seguen supoñendo a maior porcentaxe de demandantes de emprego. Así das 70.190 persoas rexistradas nas oficinas de emprego de Pontevedra, o 58,1%, un total de 40.784, son mulleres. Hai 29.406 homes, o 41,9%. Por idades, o 4,2% dos demandantes de emprego son menores de 25 anos.
En Galicia, o comportamento foi coincidente e rexistrouse un descenso do 2,43% no número de persoas rexistradas como demandantes de emprego. Con respecto a febreiro, contabilízanse 4.509 persoas paradas menos e a cifra total sitúase en 180.719.
A nivel autonómico, o número total de demandantes de emprego tamén é superior ao dun ano antes. En marzo de 2020 había 6.238 parados menos, cifra que supón un 3,58% menos.
Tamén a nivel estatal viviuse un descenso do paro segundo as cifras facilitadas este martes polos Ministerios de Traballo e de Seguridade Social. O paro reduciuse en 59.149 persoas, ata situarse en 3,94 millóns de persoas desempregadas rexistradas no Servizo Público de Emprego Estatal ( SEPE), e a Seguridade Social sumou 70.790 novos afiliados de media.
Este descenso supón a terceira maior baixada da serie histórica e o mellor dato para un mes de marzo desde 2015. O Goberno destaca que se produce unha vez superado o impacto da terceira onda da pandemia, que permitiu suavizar restricións que inciden na actividade económica.
Á hora de entender os datos cabe apuntar que a cifra de desempregados non inclúe aos traballadores que se atopan en suspensión de emprego ou redución horaria como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego ( ERTE).