O alcalde solicita un cribado masivo en Poio diante da situación de máxima alerta no municipio

Poio
13 de xaneiro 2021

Poio é un dos 60 concellos galegos en situación de máxima alerta polo que sufrirá as restricións máis duras, como o confinamento perimetral ou o peche ao consumo no interior dos locais de hostalería e a redución á metade do aforo das terrazas. Isto na práctica conlevará o peche de numerosas cafeterías

Luciano Sobral, alcalde de Poio Concello de Poio

Poio é un dos 60 concellos galegos en situación de máxima alerta polo que sufrirá as restricións máis duras, como o confinamento perimetral ou o peche ao consumo no interior dos locais de hostalería e a redución á metade do aforo das terrazas. Isto na práctica conlevará o peche de numerosas cafeterías.

A xerencia da área Sanitaria comunicou ao alcalde de Poio, Luciano Sobral que o número de casos activos no municipio é de 76, son 10 persoas contaxiadas máis que onte martes.

Dinte da mala evolución da pandemia no municipio o alcalde solicitará este xoves ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que leve a cabo un cribado masivo entre a poboación de Poio. O alcalde cre que estes rastreos son unha "necesidade" para "detectar posibles cidadáns que poidan estar infectados sen sabelo", os denominados asintomáticos. 

Luciano Sobral instou á cidadanía a que "cumpramos coas medidas" decretadas pola Xunta"sendo conscientes de que a situación empeorou moito" e insistiu en que a solución "pasa por nós mesmos".

O alcalde anunciou que o Concello de Poio está a estudar aplicar "algunha medida complementaria" ás do Goberno galego en canto á "utilización de espazos públicos" ou o peche dalgúns recintos como aqueles destinados a actividades deportivas.

"Agora toca replegarnos, protexernos e limitar as actividades que non sexan esenciais", dixo o alcalde de Poio apelando á "prudencia e responsabilidade" de todos para "ir saíndo desta situación. Sairemos mellor se somos cumpridores coas normas", asegurou Sobral.