O alcalde presenta a representantes veciñais e comerciais da Parda o proxecto do futuro parque do barrio

Pontevedra
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Miguel Anxo Fernández Lores sinalou a xuntanza como "produtiva e positiva", ao tempo que recolleu tamén distintas demandas das asociacións da Parda

O alcalde presenta a representantes veciñais e comerciais da Parda o proxecto do futuro parque do barrio Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este martes unha reunión con representantes da asociación de profesionais e pequenas empresas da Parda, ademais da asociación de veciños do barrio, para presentarlles os proxectos do novo parque e pavillón da cidade. O rexedor estivo acompañado dos concelleiros Xaquín Moreda, Anabel Gulías e Alberto Oubiña.

Fernández Lores afirmou que foi "unha reunión produtiva", na que puido amosar e conversar sobre os futuros proxectos ideados para o barrio, que inclúen a construción dunha gran zona verde, como é o parque da Parda, así como a construción dunha nova zona de estancia sobre as vías do tren na rúa 12 de novembro.

"Quixemos presentarlles este proxecto de vital importancia para a cidade, ademais, claro, de escoitar as súas demandas", indicou Lores. 

"Falamos dun proxecto que xa está en tramitación, que recollerá diversas cuestións como a mellora xeral dun barrio cheo de xente nova a través deste parque, e que tamén acollerá no futuro un pavillón de competición deportiva para escala, ximnasia e outras disciplinas cubertas", engadiu o alcalde da capital.

O rexedor asegurou que o futuro parque da Parda "transformará totalmente o aspecto dun espazo de máis de 30.000 metros cadrados", contando tamén con zonas de aparcadoiro próximas aos xulgados. "Temos xa unha partida reservada no orzamento do ano pasado e asinaremos un convenio coa Deputación para que o proxecto vexa a luz", indicou.

Dentro das demandas recollidas, o alcalde destacou a petición dunha posta en valor dos distintos comercios, debullándose a posibilidade de facelo a través dunha guía comercial da zona, achegándolles os establecementos á veciñanza. 

"Agradecemos as súas opinións e achegas, así como a súa asistencia a esta xuntanza, que recoñezo que foi produtiva e positiva", finalizou Lores.