O alcalde inicia unha rolda de encontros cos diferentes axentes sociais da cidade

Pontevedra
27 de xuño 2023

O obxectivo destas conversas xira ao redor de abrir unha nova etapa comunicativa e de participación que terá continuidade no día a día

Reunión do alcalde con representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, iniciou este martes unha xeira de rolda de encontros cos diferentes axentes sociais e institucionais da cidade.

Ao longo da xornada, o rexedor recibiu á vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón e ao director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres Vázquez, nunha primeira reunión; a continuación aos membros da Xunta Directiva do Foro Empresa Pontevedra; a representantes e socios da Asociación pola Defensa da Ría (APDR); e, por último, á Federación de Veciños Castelao.

En cada reunión estivo presente un edil, sendo na primeira Demetrio Gómez; na segunda, Eva Vilaverde; na terceira, Carme da Silva; e, na cuarta, María José Abilleira.

Fernández Lores manifestou que estas primeiras tomas de contacto van da man da idea de abrir unha nova etapa tras a súa reelección e teñen como obxectivo "recoller e ter en conta as opinións dos diferentes axentes sociais" da cidade, "abrindo unha nova vía de comunicación e de participación que terá continuidade no día a día", informou o Concello.

A vicerreitora informou que está previsto que proximamente o rexedor e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, manteñan tamén unha xuntanza que permita seguir afondando nas liñas de traballo conxunto entre as dúas institucións.

Está previsto que nos vindeiras semanas o alcalde da cidade continúe con este tipo de conversas cos diversos interlocutores da cidade.