O alcalde e a concelleira de Festas calculan un récord de participación nesta Feira Franca

Pontevedra
03 de setembro 2016

Diferentes integrantes do grupo de goberno e da oposición participan activamente na feira medieval portando os seus traxes de época. Miguel Anxo Fernández Lores asegura que a Feira Franca xa acadou sona internacional

Membros da corporación municipal e da Deputación na Feira Franca Cristina Saiz

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a súa satisfacción polo éxito que está a lograr esta nova edición da Feira Franca que cumpre xa 17 anos. Sinalaba que a festa segue crecendo e que xa se tiveron que habilitar outros espazos máis aló dos habituais no centro histórico e na Alameda para dar cabida a todas as comidas que estaban previstas nesta edición.

Ademais, destacou que tanto durante a noite do venres co espectáculo na Ferrería como coa recreación do viño cada vez a xente é máis participativa e xérase máis actividade económica. Sinalaba tamén que chegan visitantes desde distintos puntos da xeografía española e que a Feira Franca xa alcanzara fama internacional.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, tamén se mostrou moi satisfeita apuntando que se espera que esta edición sexa de récord participativo, cun tempo meteorolóxico fantástico e multitude de persoas.

En relación coa seguridade, sinalou que durante a mañá non se rexistraron incidentes e que existe un equipo coordinado entre a Policía Local, Bombeiros e Protección civil que á súa vez están en contacto coa Policía Nacional e co 061 para responder ante calquera problema que se produza.

Diversos concelleiros do equipo de goberno participaron do evento, entre os que se atopaba Luís Bará, candidato do BNG pola provincia ás eleccións autonómicas.

Tamén diversos representantes do grupo municipal do Partido Popular participaron da festa co portavoz Jacobo Moreira á cabeza destacando a alta participación dos cidadáns neste evento.

Pola súa banda, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, tamén empregou o seu disfrace medieval e sinalou a importancia que ten esta romaría de carácter cultural para trasladar coñecemento de actividades do medievo como a música, tema central da Feira Franca deste ano.

AmpArticleViewer.default.tags