O alcalde de Xenebra visita Pontevedra para inspirarse no seu modelo urbano

Pontevedra
17 de febreiro 2022

O representante do Partido Verde da cidade suíza tivo un encontro co alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, para debatir sobre a transformación que se está a levar a cabo en Xenebra

Encontro de Fernández Lores co alcalde de Xenebra Mónica Patxot

O alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez Cruz, visitou este xoves Pontevedra para comprobar de primeira man o seu modelo urbano. O representante do Partido Verde da cidade suíza tivo un encontro co alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, para debater sobre a transformación que se está a levar a cabo en Xenebra.

Logo da reunión, Alfonso Gómez declarou o seu interese por dar un paseo coa finalidade de coñecer as famosas rúas que servirán de inspiración ao seu municipio, onde xa se está implementando un proceso para poñer o límite de velocidade a 30km/h en toda a urbe. Ademais, manifestou a súa intención de aumentar as zonas peonís e implementar transportes públicos máis rápidos e eficaces.

Así mesmo, sinalou que "Pontevedra é un exemplo non só para Xenebra, senón para moitas cidades". A xente dos espazos urbanos está máis sensibilizada cos problemas ecolóxicos e incluso unha importante asociación ecoloxista de Suíza chamada 'Tráfico Activo' realizou un artigo sobre as pautas tomadas en Pontevedra como cidade amable coas persoas, segundo a información aportada polo gobernante xenebrino.

Non é a primeira vez que este país mostra atracción hacia as medidas adoptadas pola Boa Vila, posto que Lores xa fora invitado polo Banque Cantonale de Genève a dar unha conferencia durante o ciclo de seminarios baixo o nome "L’essentiel de la finance" na localidade suíza en setembro do 2021.