O alcalde de Cuntis pide á Xunta reformas no Colexio Don Aurelio

Umia
26 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Manuel Campos mantivo este martes unha reunión co delegado territorial, Agustín Reguera, na que se falou da importancia de impulsar reformas no CPI Aurelio Marcelino Rey García e mellorar as redes de saneamento e abastecemento

O alcalde de Cuntis mantivo unha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta Xunta de Galicia

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantivo este martes unha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera no que se puxeron sobre a mesa varias actuacións e proxectos que requiren da implicación da administración autonómica e que "son de primeira necesidade para garantir o benestar e a calidade de vida da veciñanza en diferentes eidos", tal e como indicou Campos Velay.

Dentro deste paquete de iniciativas para desenvolver neste mandato, o rexedor cuntiense incluíu as obras de mellora a realizar no CPI Aurelio Marcelino Rey García. En concreto, e atendendo ás demandas da comunidade escolar, solicítase o cambio de cuberta, así como a rehabilitación da fachada principal e a dotación dunha nova caldeira. 

No eido sanitario, o alcalde explicou ao delegado territorial a necesidade de que se reforme tamén a cuberta do Centro de Saúde. 

Dentro dos temas a tratar durante a reunión, Manuel Campos trasladou ao representante do ente autonómico a importancia de actuar na PO-220, co obxectivo de mellorar e garantir a seguridade viaria. En concreto, solicítase a dotación de redutores de velocidade e sinalización de velocidade máxima de 30 quilómetros por hora no tramo correspondente á Rúa Convento, así como a dotación de beirarrúas, de xeito que a Xunta complete o tramo que queda pendente, logo das habilitadas no seu día por parte do Concello. Esta dotación de espazos para peóns tamén se require en Meira.

Polo que respecta a servizos básicos, o Concello de Cuntis entende que é preciso que a Xunta se implique, no que a dotación de fondos se refire, para ampliar a rede de saneamento tanto no rural como no casco urbano. Tal e como recorda Campos, tamén está pendente a construción dun depósito de abastecemento de cabeceira na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Sebil. "Compartimos actualmente a rede de abastecemento con Moraña, polo que esta infraestrutura axudaría a garantir o servizo nos picos de maior consumo", explica Campos Velay.

A realización de tarefas de limpeza no río Gallo, na súa zona non urbana, para a retirada de árbores caídas no leito; a necesidade de renovar o vehículo de extinción de incendios (o actual ten 35 anos de antigüidade), e o avance na concentración parcelaria de Troáns foron outros dos puntos que se abordaron na reunión. Neste último, o alcalde recorda que hai dous camiños que dan acceso a varias vivendas que seguen sen asfaltar. 

"O delegado territorial trasladounos que os técnicos están estudando a situación da concentración parcelaria para dar resposta ás demandas do Concello e dos veciños e veciñas", sinalou o alcalde, que valorou positivamente este encontro. 

"Confiamos en que, unha vez se constitúa o novo Goberno da Xunta, estas actuacións sexan tidas en conta para dar resposta ás necesidades da nosa cidadanía", concluíu.