O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, continúa na directiva da Rede de Vilas Termais

Umia
15 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Tras ocupar o cargo de presidente agora incorpórase como vicepresidente da Primeira Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais

Manuel Campos, alcalde de Cuntis Concello de Cuntis

O alcalde de Cuntis seguirá outro mandato na directiva da Rede de Vilas Termais. Se no anterior mandato ocupou o cargo de presidente no actual exercerá como vicepresidente da Primeira Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais.

Durante o mandato de Campos desenvolveuse o convenio o Plan de Turismo Termal co Ministerio de Industria, que continúa e cuxo orzamento é dun millón e medio de euros.

O alcalde de Cuntis tamén avoga por consolidar iniciativas como esta e lembra que "todos os concellos mostraron sempre unha gran disposición para colaborar e traballar da man, deixando de lado cores políticas".

O xoves 21 de marzo será a primeira reunión de traballo deste equipo directivo que presidirá Luis Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense e no que tamén forma parte o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, como vicepresidente segundo.

Campos apuntou mirando a este mandato que hai moito traballo por diante "para abordar retos que contribúan a consolidar o termalismo como motor dinamizador e económico".

Esta Rede de Vilas Termais, dependente da Federación Española de Municipios e Provincias e á que pertencen oitenta concellos españois, traballa para impulsar o termalismo e as augas minerais como atractivo turístico.