O secretario xeral do PSdeG-PSOE Pontevedra, David Regades, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, acompañados dos membros da candidatura socialista, denunciaron a "nula atención" por parte da Xunta de Galicia ás residencias de maiores durante a pandemia da Covid-19.
Juan Manuel Rey explicou que en Caldas de Reis rexistrouse o primeiro brote de infección por coronavirus nunha residencia galega. Foi na xornada do mércores 18 de marzo, só catro días despois de decretarse o estado de alarma, cando unha persoa do centro xestionado pola congregación relixiosa das "Hermanitas de los Ancianos Desamparados" comezou a presentar síntomas.
O Concello de Caldas de viuse obrigado a subministrar buzos, máscaras, luvas e hidroxel á residencia "diante do desleixo da Consellería de Sanidade", que "fixo caso omiso das peticións".
Rey engadiu que a primeira desinfección tivo que ser realizada por persoal da Agrupación Municipal de Protección Civil e a, partir de aí, tan só contou coa colaboración da Subdelegación do Goberno, que enviou á Brilat por dúas veces para facer desinfeccións en profundidade. O alcalde lamenta que chamou máis de media ducia de veces ao servizo de Epidemioloxía da Consellería de Sanidade para reclamar a realización de tests PCR ao persoal da Residencia.
"Esta é a realidade da atención ás Residencias de Maiores durante a crise por parte desta Xunta de Galicia que finxe non ter competencias e que agochouse detrás do Goberno de España mentres puido, como se non existira o Estado das Autonomías", declarou David Regades.
O secretario provincial recalca que, unha vez máis, constátase que foron os concellos os que resolveron os problemas reais sobre o terreo "diante da ausencia dun Goberno galego que só apareceu, virtualmente, a través da Televisión de Galicia".
Regades conclúe que, a día de hoxe, o Concello de Caldas só recibiu o soporte económico da Deputación de Pontevedra, a través do reparto regrado dun Fondo Extraordinario creado para atender os gastos municipais durante a pandemia. "Da Xunta nada se sabe", sentenciou.