O alcalde de Barro dirixiuse este venres á Dirección Xeral de Telefónica en Galicia para transmitirlle a súa queixa por como están procedendo en moitos casos ao intento de cambio da rede de cobre por tecnoloxía de radio, en lugares donde non hai cobertura, para seguir prestando o Servizo, cando hai o compromiso de despregar a fibra en todos os lugares onde había liña de cobre.
Telefónica está realizando o despregue de fibra en varios lugares do concello en base a subvencións do Goberno do Estado. Ademais, van proceder proximamente ao apagado da centraliña de San Antoniño no marco do proxecto Faro, o cal é valorado polo Goberno local coma "moi boa noticia" pois vai supoñer que en poucos meses todos os usuarios de Barro que teñen servizo por liña de cobre, poderán desfrutar dun servizo de máis calidade a través da fibra desde a centraliña que está localizada en Curro.
Pero o que de principio é unha noticia positiva, estase convertendo nunha "gran preocupación" para moitos clientes de Telefónica, pola "descoordinación entre os distintos departamentos da compañía", sinala o Concello.
Hai veciños que están recibindo cartas de Telefónica pedíndolles que acepten a migración da liña de cobre á de fibra, ou se fora imposible o despregue de fibra, a través de radio ou satélite.
O alcalde ten información dos responsables do despregue da fibra na provincia, de que en todos os lugares onde chega a actual liña de cobre da Central de San Antoniño está planificado chegar coa liña de fibra, aínda así, hai veciños dalgún deses lugares aos que o departamento comercial de Telefónica lles está pedindo que acepten un servizo vía radio, cando está demostrado que neses lugares non hai cobertura para un servizo inalámbrico, "chegando mesmo a ameazalos con deixalos sen servizo e número telefónico e convidándoos a que se cambien de compañía", aseguran dende o Concello.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, cre que "é inaceptable que a compañía telefónica se dirixa neses termos aos seus clientes, creando esta alarma social por un problema de descoordinación de non axustar a realización das obras do despregue da fibra á data que teñen previsto o apagado da Centraliña de San Antoniño".
"Todos queren a migración á fibra e eles non poden sufrir os problemas internos que poidan ter na empresa para o remate deses traballos", engade o rexedor.
Danse algunhas situacións "incomprensibles" como que haxa lugares polos que pasa a fibra para outros sitios polo medio das casas, e que lles digan que teñen que pasar ao sistema de radio, para o que non teñen cobertura. Ou mesmo algún usuario ao que lle pasa a liña de fibra pola parcela da súa casa e tamén lle queiran dar servicio de radio.
O alcalde pídelles que tomen as medidas oportunas para resolver este problema, "deixando de alarmar aos seus clientes" e axustar a chegada da fibra a todos os lugares do Concello antes de apagar a centraliña de San Antoniño, pola que agora se está dando servizo.