O albergue para peregrinos da Vía Mariana vai cobrando vida, con cociña, mobiliario e normas de uso

Cerdedo-Cotobade
26 de decembro 2023

O alcalde, Jorge Cubela, supervisou a instalación do equipamento do albergue, dotado de cuarto de baño, unha cociña completa e literas para dar cabida a oito peregrinos. As instalacións entrarán en funcionamento este vindeiro ano unha vez que os técnicos municipais rematen de redactar as normas de acceso e de uso e tamén o modelo fiscal de taxas 

Jorge Cubela, na cociña do albergue da Vía Mariana Concello de Cerdedo-Cotobade

O albergue de peregrinos da Vía Mariana e do Camiño de Taverneiro que o Concello de Cerdedo-Cotobade rehabilitou na zona próxima á praia fluvial de Carballedo, no antigo refuxio de pescadores, xa vai collendo forma tamén no seu interior. 

O alcalde, Jorge Cubela, supervisou a instalación do equipamento do albergue, dotado de cuarto de baño, unha cociña completa e literas para dar cabida a oito peregrinos.

As instalacións entrarán en funcionamento este vindeiro ano unha vez que os técnicos municipais rematen de redactar as normas de acceso e de uso e tamén o modelo fiscal de taxas que determinarán o seu funcionamento e o acceso a estes servizos.

O modelo que baralla o equipo de goberno baséase nun sistema de identificación por códigos QR e unhas taxas asequibles para que o albergue poida ser utilizado dun xeito doado polos peregrinos, que só poderán pernoctar unha noite co fin de favorecer a rotación de uso do maior número de persoas.

Os traballos de rehabilitación executounos a empresa local Construcciones Pablo Moreira por 70.000 euros

Cubela insistiu en que é unha "aposta clara" do equipo de goberno polo turismo rural ligado á Vía Mariana e ao Camiño de Taverneiro. "Queremos converter ao concello de Cerdedo-Cotobade no municipio da contorna máis dinámico desde o punto de vista da promoción turística xa que temos no patrimonio histórico, natural e paisaxístico as nosas principais bazas e elementos para competir e atraer visitantes para desenvolver o turismo, axudar aos negocios locais e ser punta de lanza na comarca no turismo verde, familiar e sostible", sinalou.