O albergue de peregrinos de Briallos estrea cafetería

Umia
02 de xaneiro 2019

As instalacións da antiga escola unitaria de Briallos, no Concello de Portas, acaba de ser restaurada e pasou a ser unha cafetería para aumentar as prestacións do albergue de peregrinos da parroquia dotándoo do servizo de cafetería 

Visita á antiga escola unitaria de Briallos Xunta de Galicia

As instalacións da antiga escola unitaria de Briallos, no Concello de Portas, acaba de ser restaurada e pasou a ser unha cafetería para aumentar as prestacións do albergue de peregrinos da parroquia dotándoo dese servizo de cafetería. 

O proxecto, que foi promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla-Umia, contou cunha achega de case 23.000 euros de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ao abeiro do programa Leader.

As obras consistiron no arranxo e acondicionamento desta escola para dotar ao local dunha cafetería, de servizos hixiénicos e de dúas salas para actividades socioculturais. 

O director da Agader, Miguel Pérez Dubois, visitou este mércores as instalacións da antiga escola unitaria de Briallos acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e destacou a importancia destes proxectos porque permiten dotar ao rural galego de servizos básicos e necesarios que impulsan o turismo e, por conseguinte, a economía da zona. 

O albergue de peregrinos de Briallos está xestionado pola Xunta de Galicia e leva en funcionamento dende o ano 2005. Ata o de agora non tiña servizo de cafetería nin existía nos arredores ningún tipo de establecemento hostaleiro, polo que era necesario levar a cabo esta actuación co obxecto de mellorar a súa habitabilidade e ofrecer máis servizos aos camiñantes.