O adeus que pediu Manolo Moldes: estudantes elaboran un sudario entre sorrisos e cervexas

Pontevedra
04 de decembro 2017

Estudantes da Facultade de Belas Artes levaron a cabo o cumprimento da petición que o profesor e artista realizara, deixando pagas cincuenta cervexas na cafetería para cando se producira o seu falecemento.

Estudantes de Belas Artes elaboran un sudario para o pintor Manolo Moldes Mónica Patxot

O patio interior da Facultade de Belas Artes convertíase na mañá deste luns nun espazo de recordo cara á figura do desaparecido artista e profesor deste centro, Manolo Moldes. Alí un amplo grupo de estudantes cumpría coa petición do pintor: crear un sudario con participación dos estudantes que asistiron ás súas clases para que esa tea rodee o seu corpo no enterro.

Desta forma, con sprays, con pinturas, con rotuladores estampando firmas, os estudantes foron deixando a súa pegada na tea. Moi preto atopábanse dúas caixas de cervexa que o profesor deixara pagas na cafetería do centro para que os mozos despedíseno desa forma creativa e festiva. A decana de Belas Artes, Silvia García, a directora de Esdemga, Lola Dopico, do mesmo xeito que outros profesores tamén se achegaron polo patio para participar desta emotiva homenaxe no que tampouco faltaron pompas de xabón. 

"Los posibles en ti nunca se acaban", "hasta siempre, maestro", "Manolo, te llevas parte... hasta que nos veamos y gestionemos su devolución" ou "Maravilla y calidad humana" eran algunhas das frases que quedaron impresas na tea onde tamén, a través da técnica do relevo, quedou a imaxe do académico reflectida.

Os estudantes cualificaban ao profesor de debuxo como unha persoa sorprendente, chea de dinamismo e que transmitía creatividade. Implicábase na educación dos estudantes e convidábaos a saír da Facultade para percorrer a rúa e pintar o que vían nela.

Manolo Moldes falecía este fin de semana aos 68 anos de idade, tras sufrir unha enfermidade. Era integrante da Real Academia Galega das Belas Artes e un dos fundadores do colectivo Atlántica. Nas últimas semanas mostrara algúns dos seus principais traballos na exposición individual Pontevedra Suite.

Na tarde deste luns, a partir das 19.00 horas, no Teatro Principal desenvolverase un acto civil de despedida do artista ao que asistirán diferentes autoridades.