O acusado pola explosión da pirotecnia de Tui declárase culpable e arrepíntese: "Sinto moito o ocorrido. E pido perdón"

Pontevedra
26 de setembro 2024

Francisco González Lameiro chegou a un acordo coa Fiscalía e o resto de partes e cumprirá catro anos de prisión. O debate na sala de vistas centrouse na parte civil, pois neste xuízo non se discuten os danos e o seu importe, senón quen se fará cargo dos mesmos

Francisco González Lameiro, propietario da pirotecnia, no banco dos acusados da Audiencia Mónica Patxot

"Sinto moito o ocorrido. E pido perdón. Outra cousa non podo dicir". Foron as últimas palabras ante o tribunal de Francisco González Lameiro, o propietario da pirotecnia ilegal que en maio de 2018 explotou e deixou devastado o lugar de Paramos, en Tui, provocando a morte dun matrimonio e deixando unha trintena de feridos e danos que superan os 12 millóns de euros.

Francisco González Lameiro sentou no banco dos acusados da sección segunda da Audiencia de Pontevedra este martes e declarouse culpable dos feitos. Ao termo do xuízo, ademais, mostrou arrepentimento. 

Aínda que na súa acusación inicial a Fiscalía pedía que fose condenado a 14 anos de prisión, xa antes do xuízo pechouse un acordo entre as partes polo que esa pena quedou reducida a catro anos como autor dun delito imprudente de estragos, dous delitos de homicidio imprudente, 28 delitos de lesións por imprudencia e tres delitos de risco provocados por explosivos.

Tras ese acordo, chegouse a xuízo e xa non se debateu a parte penal do procedemento, senón que o debate na sala de vistas centrouse na parte civil, pois neste xuízo non se discuten os danos e o seu importe, que están recollidos no escrito acordado, senón quen se fará cargo dos mesmos. 

Hai 25 avogados representando máis de 450 prexudicados e aseguradoras e a sesión converteuse nunha disputa entre compañías de seguros

Así, unha cuestión clave que se discutiu e que agora deberá determinar o tribunal en sentenza é se a aseguradora Mapfre, con quen tiña contratada a póliza o acusado, debe asumir o importe total das indemnizacións, próximas aos 12 millóns de euros, ou tan só ata o límite máximo contratado na póliza, 1,5 millóns. 

Polos danos en inmobles deberá indemnizar 430 titulares. Polos danos nos vehículos, a 76 prexudicados. Polos danos nos servizos, ao Concello de Tui. Polos dános físicos, a 36 persoas e polo falecemento do matrimonio, aos seus dous fillos e irmáns.

Os dous orfos quedaron nun principio baixo tutela da Xunta, logo asumiu a tutela un tío que se desprazou desde Alxeciras e na actualidade tena unha tía que vivía en Francia e levounos con ela. Agora, un xa é maior de idade

O resto das indemnizacións serían para a Xunta de Galicia e o Goberno de España, que asumiron as subvencións para reparar os danos. 

O acusado estivo en prisión provisional entre o 29 de maio de 2018 e o 11 de marzo de 2019, de modo que xa cumpriu dez meses deses catro anos que agora lle impoñerán. Unha vez que volva ao cárcere, calcúlase que a partir dun ano e medio poderá empezar a gozar de beneficios penais. 

Ao termo do xuízo, o seu avogado, Ricardo Valencia, sinalou que entenden que a aseguradora debe asumir todos os danos, pois "estamos dentro dun seguro que obrigatorio que deberían cubrir ás vítimas sen os límites pactados na póliza, porque evidentemente cos límites pactados non alcanzaría para cubrir a indemnización".

O mesmo entenden o resto de avogados das acusacións. Un deles, Felipe García, que representa á irmá da falecida que tutelou aos orfos, explica que "é unha cuestión xurídica difícil", pero que se se establecese ese límite da póliza "a ninguén lle daría absolutamente para nada porque somos tantos prexudicados que si hai que repartilo entre todos sería unha un resarcimento ínfimo".

Como propietario de Pirotecnia La Gallega, o acusado confesouse responsable de almacenar 1,4 toneladas de produtos con carga explosiva fóra de control da Administración e cun destino descoñecido. Tras a explosión, a Garda Civil localizou en posesión do acusado tres puntos de almacenamento clandestino.