O 91% dos nenos pontevedreses disfrazarase este Entroido

Pontevedra
11 de febreiro 2015

Obsérvase un aumento na previsión de gasto en disfraces, alimentación e ocio de arredor do 33%. Entre disfraces e alimentación a Federación de Comercio calcula que se realizará un gasto total na provincia de máis de 32 millóns de euros. No caso dos disfraces, o gasto alcanzará previsiblemente os 20,8 millóns de euros, dos que 740.000 euros se producirán en Pontevedra

Desfile de Entroido 2014 en Pontevedra Diego Torrado

O 91% dos pontevedreses con menos de 14 anos disfrazarase este Entroido 2015 cun gasto medio entre disfraces e artigos relacionados de 15 euros por cabeza. Esta porcentaxe increméntase no caso dos colexios pontevedreses, nos que o 98% dos escolares participan nas festas de disfraces.

Os datos recóllense na enquisa de intención de gasto por habitante realizado pola Federación Provincial de Comercio que preside Agustín Reguera, da que se desprende que os nenos pontevedreses se disfraza unha media de seis días nas festas.

Entre os mozos de 15 a 25 anos, a porcentaxe de pontevedreses que se disfrazan descende ata o 55% mentres que o gasto medio por habitante sobe a 35 euros. O 38% dos maiores de 25 anos disfrázase e gasta unha media de 48 euros en disfraces e artigos de entroido, incluíndo grupos e comparsas.

Segundo a citada enquisa, este ano 2015 obsérvase un aumento na previsión de gasto en disfraces, alimentación e ocio de arredor do 33% en relación co ano pasado. Entre disfraces e alimentación a Federación de Comercio calcula que se realizará un gasto total na provincia de máis de 32 millóns de euros.

No caso dos disfraces, o gasto alcanzará previsiblemente os 20,8 millóns de euros, dos que 740.000 euros se producirán na cidade de Pontevedra. O gasto máis elevado correspóndese cos nenos e comparsas e grupos. En canto á alimentación, o gasto medio do consumo de produtos típicos desta época do ano é de 12 euros por persoas, o que supón un investimento total na provincia de 11,4 millóns.

Arquivado en