O 76% da poboación pontevedresa en idade de vacinarse fronte á covid-19 xa ten a pauta completa

Pontevedra
23 de agosto 2021

A inmunización fronte á covid-19 avanza na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e 208.564 persoas xa teñen a pauta completa. Xa se puxeron desde finais do mes de decembro 420.097 doses. Un total de 235.345 persoas xa están vacinados con polo menos unha, isto é, o 85,73% da poboación susceptible de vacinarse

Vacinación de persoas entre 40 e 49 anos no Recinto Feiral Mónica Patxot

A inmunización fronte á covid-19 avanza na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e 208.564 persoas xa teñen a pauta completa. Son o 75,97% da poboación pontevedresa susceptible de recibir a vacina, isto é, maior de 12 anos. 

Segundo os datos oficiais do Servizo Galego de Saúde tomando como referencia as vacinas administradas ata este domingo 22 de agosto, na área sanitaria xa se puxeron desde finais do mes de decembro 420.097 doses.

Un total de 235.345 persoas da área sanitaria xa están vacinados con polo menos unha dose, isto é, o 85,73% da poboación xa empezou o proceso de vacinación ou teno rematado. 

Deles, 26.781 están vacinados sen pauta completa. O 9,76% da poboación ten só unha dose. 

O plan de vacinación céntrase esta semana nos menores da área sanitaria estudantes de educación secundaria obrigatoria. Durante toda a semana citarase no recinto feiral de Pontevedra e o recinto feiral Fexdega de Vilagarcía de Arousa a todos os escolares de 12 a 16 anos. 

A previsión é que na primeira xornada, este luns, reciban a primeira dose da vacina de Moderna 4.582 menores de 12 e 13 anos no recinto de Pontevedra e 1.300 en Fexdega. Os de 14 a 16 anos recibirán a vacina de Pfizer o mércores e o xoves.