O 75% do arquivo municipal de Pontevedra xa se atopa dixitalizado

Pontevedra
18 de outubro 2022

O arquivo municipal de Pontevedra entra nunha nova etapa. Máis de 150.000 documentos e imaxes históricas, datados entre os anos 1834 e 2004, están xa sistematizados e serán dixitalizados e accesibles ao público a través do portal provincial AtoPO

María Ortega e Anabel Gulías cos responsables dos arquivos municipal e provincial Mónica Patxot

O arquivo municipal de Pontevedra entra nunha nova etapa. Máis de 150.000 documentos e imaxes históricas, datados entre os anos 1834 e 2004, están xa sistematizados e serán dixitalizados e accesibles ao público a través do portal provincial AtoPO.

É un 75% de todos os fondos que custodia o arquivo pontevedrés, que está inmerso actualmente nun proceso de modernización no que, ademais da súa dixitalización, estase a avanzar nun expurgo controlado para destruir documentos administrativos que non teñan valor histórico.

Maila que non todos poden ser publicados, por cuestión de protección de datos e privacidade, todo este material histórico si é accesible, o que permite "poñer a disposición da cidadanía toda a documentación que sexa posible", segundo a edil de Réxime Interior, Anabel Gulías.

"Os arquivos deben estar abertos e accesíbeis ao público, rompendo estereotipos e conectando coa veciñanza", subliñou Gulías, que celebrou o "novo capítulo" que se abre en Pontevedra grazas a este proxecto colaborativo coa Deputación de Pontevedra.

A partir de agora calquera persoa interesada poderá acceder desde o buscador provincial e consultar as referencias de actas plenarias, documentos administrativos ou material audiovisual que se conservan no arquivo municipal de Pontevedra.

A maioría dos rexistros correspóndense con documentos do Concello de Pontevedra, pero hai tamén moitos outros dos que foron os concellos de Xeve, Salcedo ou Ponte Sampaio, así como de coleccións privadas como as dos fotógrafos Rafa Vázquez, Nelson ou Isidro Taboada.

Dentro destas últimas, están revisadas e dixitalizadas unhas 2.200 fotografías que amosan a evolución da vida política, social e cultural da cidade.

Aínda que algunhas delas, as que proceden de Fototipia Thomas, están datadas entre 1910 e 1920, a maior parte das imaxes son das etapas comprendidas entre a alcaldía de Calixto González-Posada (1949-1952) ata a de Javier Cobián Salgado, rematada en 1995.

Así, entre outras, hai fotos das inauguracións das fábrica de Pontesa ou Celulosas, celebracións festivas e relixiosas ou visitas de persoeiros destacados como os Reis de España, Franco e os seus ministros, Pío Cabanillas, Mario Soares, Montserrat Caballé ou Jordi Pujol.

Aparece ademais unha escolma de imaxes de concertos e actuacións teatrais de renome, probas deportivas, inauguracións de infraestruturas, recepcións municipais ou actividades organizadas por numerosos colectivos da cidade.

Tamén é salientable o valor que o fondo gráfico ten para coñecer a evolución urbanística de Pontevedra ou os cambios físicos en parroquias, barrios e rúas a través de imaxes fotografadas para seren incluídas nos respectivos expedientes de obras.

A deputada da área de Patrimonio Documental e Bibliográfico, María Ortega, explicou que a ferramenta que a Deputación pon a disposición dos concellos para dixitalizar e conservar os seus arquivos manexa xa 2,2 millóns de referencias de toda a provincia.

Ortega destacou a importancia de que todo este material se dea a coñecer porque "permite salvagardar dixitalmente e poñer a disposición a golpe de clic moitos momentos da historia vividos polas xentes de Pontevedra".