O 73% das persoas atendidas no último ano polo Plan de Emprego da Cruz Vermella foron mulleres

Pontevedra
30 de abril 2021

Un total de 323 persoas da comarca de Pontevedra, das cales un 73% son mulleres, foron axudadas polo Plan de Emprego de Cruz Vermella ao longo do último ano

Oficina de emprego en Pontevedra PontevedraViva

Un total de 323 persoas da comarca de Pontevedra, das cales un 73% son mulleres, foron axudadas polo Plan de Emprego de Cruz Vermella ao longo do último ano.

A pandemia pola covid-19 xerou un aumento nas desigualdades e brechas de xénero xa existentes no ámbito laboral. As mulleres, que partían dunha situación desigual, diminuíron os seus aforros, contan con empregos menos seguros e menos protección social. Segundo a Cruz Vermella, os sectores máis afectados pola crise están altamente feminizados: o comercio, hostalería e turismo.

Desde o Plan de Emprego están a traballar con persoas en risco de exclusión social es as están axudando a atopar un emprego e ofrecendo formación en ocupacións con saída laboral. Así, durante o pasado ano, adaptaron as formacións, seguimentos e orientacións a unha forma semipresencial, entregando aparellos electrónicos con acceso a internet co obxectivo de loitar coa fenda dixital. Grazas a estes procesos personalizados 182 persoas lograron acceder a un posto de traballo na comarca.

En todo este proceso, Cruz Vermella considera fundamental a implicación do tecido empresarial. Por iso, con eles colaboran 121 empresas de diferentes tamaños e sectores, que permiten aos participantes no Plan de Emprego mellorar a súa empregabilidade a través de accións de orientación ou ofrecendo prácticas formativas non laborais, entre outras formas de colaboración.