O 63% da poboación pontevedresa ten polo menos unha dose da vacina fronte á covid-19

Pontevedra
02 de xullo 2021

Un total de 173.301 persoas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés teñen xa polo menos unha  dose da vacina. Delas, 126.802 teñen xa a pauta completa, de modo que está xa totalmente inmunizada o 46,19% da a poboación. Puxéronse en toda a área 282.866 doses dalgunha das catro vacinas

Vacinación fronte á covid-19

Un total de 173.301 persoas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés teñen xa polo menos unha dose da vacina fronte á covid-19. O dato, facilitado este venres polo Servizo Galego de Saúde, implica que o 63,13% da poboación da área empezou xa o proceso de inmunización, pois calcúlase sobre un total de 274.523 persoas maiores de 15 anos que residen na súa zona de influencia. 

O avance da vacinación permitiu que un total de 126.802 persoas teñan xa a pauta completa, dúas doses de Pfizer, AstraZéneca ou Moderna e unha da vacina monodose de Janssen. Desta forma, están xa totalmente inmunizadas o 46,19% das persoas que dependen da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. 

Outras 46.499 persoas, o 16,94% da poboación, teñen tan só unha dose, con datos relativos a última hora do 1 de xullo facilitados pola xerencia da área sanitaria. 

Ata este xoves, subministráranse en toda a área sanitaria 282.866 doses dalgunha das catro vacinas autorizadas en España fronte á covid-19.

Segundo os datos facilitados polo coordinador de vacinación covid da área sanitaria e director de Enfermería, Juan Vázquez Vilar, durante esta fin de semana do 3 e 4 de xullo está previsto realizar vacinacións masivas no recinto feiral de Pontevedra e no recinto Fexdega de Vilagarcía a un total de 9.900 persoas.

Para este sábado hai citadas 2.700 persoas no recinto feiral de Pontevedra para recibir a primeira dose de Pfizer e outras 1.000 no recinto Fexdega de Vilagarcía. O domingo case se duplica a cifra, con 4.200 cidadáns en Pontevedra e 2.000 en Vilagarcía. 

Durante a última semana, entre o 28 de xuño e o 4 de xullo, a previsión é citar 24.000 cidadáns. Administráronse 2.110 doses de AstraZéneca o luns 28 de xuño e o mércores 30 e en otal haberá 8.298 da segunda dose de Pfizer e 13.600 da primeira dose de Pfizer. 

A próxima semana está previsto realizar o luns segundas doses de AstraZéneca para maiores de 60 anos. O martes e o mércores a previsión é poñer a primeira dose de Pfizer a persoas de 30 a 39 anos e o xoves, venres e sábado faranse xornadas de segundas doses de AstraZéneca en poboacións de 40 a 49 e en maiores de 60 anos. 

SISTEMA DE AUTOCITA

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, referiuse este venres, nun acto en Ourense, ao sistema de  autocita deseñado pola Xunta para seguir avanzando na vacinación, que empezará a funcionar o luns 5 de xullo. 

Sanidade ten pensado dedicar a este sistema unha porcentaxe das vacinas que "ao principio será pequeno para ir vendo como responde". Destinarase a "persoas que teñan algún tipo de necesidade específica" para adiantar a quenda que lle corresponde por idade. Así, puxo como exemplo aos estudantes Erasmus que deban irse de Galicia ao seu lugar de estudos antes do inicio do curso académico ou a persoas que "por temas laborais necesiten adiantar a cita".

O sistema, ao que aínda non se explicou como se poderá acceder, prevé que poderán solicitar esa autocita as persoas de franxas de idade que nestes momentos non estean a ser vacinadas polo sistema ordinario de "citas forzadas", de modo que nestes momentos será para menores de 30, pois desde este domingo empezará a vacinación das persoas de 30 a 39 anos e está previsto terminar nestes días a de maiores de 40.

Ademais, poderán recorrer a eses ocos que queden da citación ordinaria polo sistema de autocita as persoas ás que xa pasou o seu momento de vacinación e non acudiron polo motivo que fose, o que se chama repesca.

Desta forma, convivirá un sistema mixto de persoas que reciban cita forzada polo sistema clásico que empezou a funcionar o pasado decembro e tamén un número de ocos para xente máis nova e para xente maior por repesca con autocita.

Aínda non se concretou a partir de que idade se podderá pedir esa autocita, probablemente para maiores de 18 anos, pero, segundo García  Comesaña, "sen descartar para maiores de 12".