O 54% das mulleres de Pontevedra encóntranse desempregadas

Pontevedra
07 de marzo 2016

O emprego feminino sitúase, sobre todo, no sector da hostalería e os contratos caracterízanse por ser temporais e precarios, sen que se paguen as horas extra. UGT reclama máis control por parte da administración e a defensa da protección ás mulleres garantindo que a igual traballo cobren igual salario
 

Katy Cochón, secretaria de Igualdade de UGT en Pontevedra e Ramón Vidal, secretario comarcal Mónica Patxot

En Pontevedra, desde decembro de 2014 ata o mesmo mes de 2015, aumentou o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social pasando de 27.332 a 27.880, un 2%. Pero a cifra é inferior á que se rexistra entre os homes, que se sitúa en 2,9%.

Das 16.234 persoas que a Consellería de Traballo recolle que estaban desempregadas na comarca de Pontevedra durante o pasado ano, o 53% son mulleres situándose en 8.605. No concello de Pontevedra, o peso do desemprego feminino ascende ao 54%.

Na comarca atópanse casos onde esta porcentaxe ascende a máis do 57%, como sucede en Ponte Caldelas.

Todos estes datos facilitados polo sindicato UGT mostran a situación de desigualdade que sofren as mulleres no ámbito laboral e que se reflicte ao comprobar que son maioría no desemprego de longa duración e atópanse con máis dificultades para saír desta situación. Katy Cochón, secretaria de Igualdade de UXT en Pontevedra e Ramón Vidal, secretario comarcal deste sindicato, reclamaron este luns 7 medidas para favorecer a inserción laboral das mulleres e, sobre todo, que se mellore a situación das que xa se atopan traballando.

Segundo os datos que manexan, exercendo o mesmo traballo, as mulleres cobran unha nómina inferior aos homes e iso compróbase nas pensións. As mulleres cobran pensións un 30,5% inferior ás dos homes.

O emprego xorde sobre todo no sector da hostalería onde os contratos caracterízanse por ser temporais e precarios, sen que se paguen as horas extra, segundo denuncia UXT. Ramón Vidal reclama máis control por parte da administración e a defensa da protección ás mulleres garantindo que a igual traballo cobren igual salario ao mesmo tempo que demanda actuacións por parte dos gobernos que beneficien a situación de maternidade no ámbito laboral.

SITUACIÓN EN AROUSA

Unha situación similar vívese en Arousa onde no último ano aumentou en 2,2 % o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social, pero por baixo dos homes, que aumentaron ata o 3,6%.

A maior porcentaxe de desemprego rexístrase na Hostalería alcanzando o 19,5% con 1.253 mulleres en paro. A contratación a tempo parcial feminina tamén é moi superior á masculina e a pensión media sitúase en 664,65 euros, un 24,12% menos que os 875,96 euros que perciben os homes.

HOMENAXE

O sindicato UGT entregará este 8 de marzo ás 11.30 horas o premio a título póstumo á Muller traballadora a Teresa Blanco Freire, que foi secretaria xeral da Federación de Servizos para a Mobilidade e o consumo en Pontevedra.