A comunidade educativa será a protagonista da programación organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Lama con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
A programación inclúe obradoiros centrados na prevención da violencia de xénero e no fomento da igualdade de oportunidades entre o alumnado de Educación Primaria do CEIP A Lama, 66 nenos e nenas, e terán unha duración de seis horas.
Estas accións teñen como obxectivos lograr a maior sensibilización do alumnado en materia de igualdade de xénero; dotar aos/ás participantes de ferramentas para que sexan quen de recoñecer diferentes situacións de desigualdade e machismo dotándoos/as de estratexias para abordalas; e traballar dende a escola no fomento dun pensamento crítico que axude a modificar paulatinamente as condutas socialmente arraigadas e os estereotipos por razón de sexo.
Para acadar estes obxectivos traballaranse distintos contidos como a igualdade de oportunidades, a discriminación, o xénero, os estereotipos de xénero e a socialización diferencial, os roles de xénero, o machismo, o sexismo, o feminismo ou a corresponsabilidade.
Todos estes contidos traballaranse a través de dinámicas axeitadas á súa idade e cunha metodoloxía participativa e integradora. Serán impartidos por unha psicóloga con ampla experiencia.
O Concello da Lama tamén gardará un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero nun acto aberto ao público este venres, 24 de novembro, no Salón de Plenos do Consistorio ás 13:00 horas. Ao seu remate, procederase á lectura dun manifesto no que se amosará o rexeitamento máis absoluto cara a violencia de xénero.
O alcalde da Lama, David Carrera, sinalou que o Concello está "profundamente comprometido" na defensa dos valores da igualdade entre homes e mulleres e na loita social pola prevención e erradicación da violencia contra as mulleres.
Convida á veciñanza a participar neste acto polo 25N, para condenar de maneira unánime a violencia machista e solidarizarse coas vítimas.