O 15% das intervencións do servizo de Emerxencias de Sanxenxo prodúcense fóra do municipio

Sanxenxo
03 de xaneiro 2024

Segundo o balance do servizo de emerxencias local durante o ano 2023 realizaron un total de 767 intervencións

Intervención dos efectivos de Emerxencias Sanxenxo nun incendio nunha vivenda en Rouxique Concello de Sanxenxo

Emerxencias Sanxenxo fai balance do ano 2023 recentemente finalizado.

O servizo de emerxencias contabilizou un total de 767 intervencións ao longo do ano, destacando que o 15,5% delas produciuse fóra do seu termo municipal.

En concreto 648 das intervencións tiveron lugar en Sanxenxo, mentres que 51 foron en Poio, 38 en Meaño e 16 no Grove. Ademais tamén prestaron servizo en incidencias acontecidas en Barro, Cambados, Catoira, Marín, Meis, Ribadumia, Portas e Vilagarcía.

En canto á tipoloxía das incidencias, a maioría de interveciones tratáronse de labores de prevención e mantemento como retiradas de postes, cables, ramas e elementos estruturais (178) ou limpeza de vías (36), pero tamén por escapes de gas (9), movemento de contedores ou mobiliario (7) e inundacións (38). Á súa vez interviñeron en 93 rescates dos que 32 foron en contorna urbana, 1 en contorna natural, 13 de animais e 11 marítimos.

Emerxencias Sanxenxo actuou ademais para retirar 21 niños de avespa velutina, e 32 veces máis en avisos relacionados con outros animais.

Por último contabilizáronse ata 128 incendios de distinto tipo obrigaron a intervir ao servizo, así como 105 accidentes de tráfico.