O 14-N, "nin mercar pan nin tomar un café"

Pontevedra
12 de novembro 2012

Os tres sindicatos maioritarios, CC.OO., UGT e CIG, denuncian a falta de intención da patronal do sector do comercio para asinar convenios colectivos e anuncian protestas a partir do martes 13 e piden o seguimento da folga xeral

Para que a folga xeral do 14 de novembro sexa un éxito os sindicatos piden aos cidadáns non só que non vaian traballar durante esa xornada senón que eviten calquera consumo: "nin comprar pan nin tomar un café". Tres representantes das centrais maioritarias, Carlos Búa de CC.OO, Marcos Cadórniga de UGT e Carlos Esperón de UGT explicaron, ademais, que van iniciar actuacións de inmediato para que a patronal do sector do comercio se sente a negociar os convenios colectivos.

Afirman que ao redor de 40.000 traballadores deste sector na provincia de Pontevedra están afectados pola parálise que sofre a negociación dunhadecena de convenios colectivos cuxa vixencia está esgotada e prorrogada.

Estes dirixentes advirten de que se en xullo non están actualizados estes convenios, os traballadores sufrirán unhas consecuencias negativas nos seus salarios, xornadas e dereitos sociais.

Indicaron que as grandes multinacionais da alimentación gañaron diñeiro coa crise grazas ao incremento de vendas en marcas brancas e, non obstante, non realizaron ningún movemento para sentarse a negociar os convenios. Se pasados nove meses non hai acordo, a patronal podería aplicar o salario mínimo interprofesional, tal e como establece a Reforma Laboral.

Desta forma, anuncian que a partir do martes 13 comezarán a realizar protestas "sorpresa" contra grandes grupos galegos da alimentación e citaron a Gadis e a Froiz, ademais de Inditex sinalando que o sector téxtil carece dun interlocutor por parte da patronal para negociar.

Os sindicatos reclaman aos traballadores que secunden a folga do mércores 14 e que se evite calquera tipo de actividade comercial durante esa xornada.

Arquivado en