Núñez Feijóo ve a Nodosa como referente do "exemplo de superación e de éxito" dos estaleiros galegos

Marín
24 de abril 2019

Cunha facturación de máis de 500 millóns de euros e 12.000 traballadores no último ano, o sector naval galego vive unha época dourada. A mellor da última década. Así o destacou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa visita ás instalacións do estaleiro Nodosa Shipyard no porto de Marín

Visita de Alberto Núñez Feijóo ao estaleiro de Nodosa Mónica Patxot

Cunha facturación de máis de 500 millóns de euros e 12.000 traballadores no último ano, o sector naval galego vive unha época dourada. A mellor da última década. Así o destacou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa visita ás instalacións do estaleiro Nodosa Shipyard no porto de Marín.

Núñez Feijóo, que estivo acompañado entre outras autoridades polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; e da alcaldesa de Marín, María Ramallo; sinalou precisamente a esta compañía familiar, creada hai máis de corenta anos, como un "exemplo da superación e do éxito" de todo o naval de Galicia.

Os estaleiros galegos, afirmou o presidente galego, lograron adxudicarse quince dos vinte e tres contratos asinados en toda España no último ano, "triplicando os do País Vasco e quintuplicando os de Asturias"; e constrúen actualmente 27 buques, o 49% dos barcos en execución en toda España.

Galicia é actualmente, segundo os datos expostos por Alberto Núñez Feijóo durante a súa visita, a segunda rexión europea con maior número de pedidos en vigor, só superada por Holanda, e alcanzou unha facturación de máis de 3.800 millóns de euros no últimos cinco anos.

Feijóo sinalou que a Xunta está "especialmente orgullosa" dos estaleiros galegos por sobrevivir á caída da economía e á crise do 'tax- lease' que, lembrou, "estivo a piques de acabar con toda a industria naval española".

Por iso, o presidente da Xunta animou ao naval galego a "seguir apostando" pola calidade técnica, a internacionalización, a evolución a través do I+D+i ou a formación continua dos seus traballadores, camiñando cara unha "industria 4.0" que lles permita mostrar "toda a súa capacidade" para competir con países de todo o mundo.

A este respecto, o titular do goberno galego lembrou que nos estaleiros de Galicia constrúense actualmente, entre outros, un "minicruceiro de luxo" para a cadea Ritz Carlton, as fragatas F-110 para a Armada española, un gran buque escola para lndonesia ou o buque conxelador "máis grande ata a data" para a frota hispanobritánica.

O naval galego, ademais, tamén se converteu no "provedor de referencia", destacou Núñez Feijóo, para os principais parques eólicos mariños do mundo e é un sector "especializado" na construción de oceanográficos e barcos pesqueiros para todos os caladoiros internacionais.