Alberto Núñez Feijóo, á fronte do PP galego desde que en 2006 sucedeu a Manuel Fraga, volverá presentarse á reelección como presidente do partido. Será no congreso que os populares celebrarán en Pontevedra os días 16 e 17 xullo.
Así o confirmou o propio Núñez Feijóo durante a súa intervención ante a xunta directiva do PPdeG, que aprobou as datas para a celebración deste congreso.
"Se lle parece ben á militancia volverei pedir a confianza para presidir o PP de Galicia. Sigo ao dispor do partido no que creo, que é o meu modo de seguir ao dispor de Galicia", sinalou o dirixente popular.
No seu discurso, Feijóo reivindicou a necesidade de que o goberno autonómico e o partido "sigan unidos", aínda que engadiu que chegará o día en que o tamén dea un paso a un lado, "un momento que se á militancia parécelle ben aínda non chegou".
Iso si, advertiu que o PP galego "non está onde están os personalismos" e lembrou que o partido "non é un proxecto individual de ninguén, é un proxecto colectivo, e o que non o entenda non entende ao PP".
Tras reivindicar a súa xestión á fronte da crise sanitaria provocada pola covid-19, o presidente da Xunta destacou que a tarefa máis importante a partir de agora será a reactivación económica de Galicia.
Para isto, segundo o líder do PP galego, "a receita é clara": máis emprego e menos impostos, apostando porque o futuro de Galicia pase por ser unha terra "con máis oportunidades, mellor conectada, máis innovadora, máis verde e máis competitiva".
Ademais, Feijóo arremeteu contra a xestión da crise sanitaria por parte do Goberno, ao que acusou de "deixar soas" ás comunidades e cargou contra a política enerxética do Executivo central que, segundo dixo, pon en risco 15.000 empregos en Galicia.