Núñez Feijóo: "Do mesmo xeito que é lexítimo que o BNG goberne no Concello, é lexítimo que o PP goberne na Deputación"

Pontevedra
05 de xuño 2015

O presidente do Partido Popular de Galicia asistiu á Xunta provincial para analizar as eleccións municipais: "non vamos a celebrar ser a primeira forza maioritaria en Galicia porque o que queremos son maiorías máis amplas das que obtivemos", afirmou

Alberto Núñez Feijóo con Rafael Louzán na Xunta provincial do PP

O Partido Popular de Galicia levou a cabo a Xunta provincial na sede da rúa Reina Victoria para analizar os resultados electorais nos comicios municipais. O acto estivo presidido por Alberto Núñez Feijóo coa presenza de numerosos medios tanto galegos coma estatais. A presenza de tantos medios como de todos os asistentes ao evento obrigou a que a sala do PP provincial tivese que baleirarse dos membros populares para que puidese comparecer o presidente galego co homónimo provincial, Rafael Louzán, para explicar ante os representantes da prensa que a pesar de gañar as eleccións queren seguir sendo o partido maioritario de Galicia e gañar as eleccións con máis amplitude e maiorías que as que obtiveron o pasado 24 de maio.

Núñez Feijóo mostrouse crítico co Partido Socialista: "Non entendemos como se pode celebrar unha derrota, pero hai partidos que están celebrando ser segunda forza e caer a terceira forza. Nós non podemos entrar aí. Non vamos a celebrar ser a primeira forza maioritaria en Galicia porque o que queremos son maiorías máis amplas das que obtivemos". E ao mesmo tempo apuntou a que están a disposición dos galegos para garantir gobernos de catro anos, para garantir que a política é útil e non unha repartición, sinalou. "Non é repartir os cargos entre os grupos minoritarios e non deixar gobernar aos maioritarios. Xa non é un pacto contra o PP, hai grupos minoritarios van gobernar cidades e concellos moi importantes que van gobernar en minoría, porque hai outros que non queren entrar nos gobernos para que os electores non tomen nota e se dean conta de que hai un engano electoral claro" afirmou o presidente da Xunta indicando que "hai partidos que prometeron non pactar cos Podemos galegos, coas Mareas están agora entregando cidades e pobos cos que dixeron que nunca pactarían con eles"

Neste sentido, en relación coa situación da Deputación provincial, Núñez Feijóo non se manifestou sobre un posible pacto entre o PP e o BNG pero si indicou que tería que gobernar a forza máis votada, neste caso, o Partido Popular: "O certo é que lle corresponde o PP gobernar na Deputación porque gañou a falta de dous escanos. Nós temos claro que no Concello de Pontevedra lle corresponde gobernar o BNG e lle faltou un concelleiro para a maioría absoluta. E na Deputación gañou o PP e faltáronlle dous deputados para a maioría absoluta. Do mesmo xeito que é lexítimo que o Bloque goberne no Concello, é lexítimo que o PP goberne na Deputación".

SENTENZA DE SOGAMA

Alberto Núñez Feijóo mostrouse satisfeito pola sentenza do Tribunal Constitucional contra o Concello de Pontevedra en relación co caso de Sogama e apuntou que estaban convencidos de que gañarían eses recursos. Lamentou que agora os cidadáns de Pontevedra teñan que pagar moito máis do que lle correspondería pagar porque terán que afrontar, segundo indicou, todos os intereses de demora dende a notificación do cobramento ata esgotar a vía de recursos, ademais das costas e os gastos de avogados e procuradores. E engadiu que espera que esta sentenza signifique "un antes e un despois" para que, da mesma forma, que os veciños pagan as taxas aos concellos, os concellos paguen as taxas aos servizos de lixo, que no caso de Pontevedra, presta Sogama.

Por último, o presidente dos populares galegos tamén quixo referirse á posta en marcha dunha renovación política dentro do Partido Popular a través de cambios de actitudes, de distintas formas de presentación, comunicación, explicación, contacto cos colectivos e coa sociedade civil e despois unha renovación nos cargos locais, provinciais e cun congreso autonómico.

Arquivado en