"Nunca deixaremos de buscarte, Sonia"

11 de agosto 2017

Sete anos sen Sonia Iglesias. É o tempo que leva desaparecida esta pontevedresa, á que se lle perdeu o rastro o 18 de agosto de 2010. Para manter vivo o seu recordo e esixir ás autoridades que sigan investigando o caso, centos de persoas arrouparon á súa familia cunha manifestación que se celebrou este venres

Manifestación polo sétimo aniversario da desaparición de Sonia Iglesias
Manifestación polo sétimo aniversario da desaparición de Sonia Iglesias Diego Torrado

Sete anos sen Sonia Iglesias. É o tempo que leva desaparecida esta pontevedresa, á que se lle perdeu o rastro o 18 de agosto de 2010. Para manter vivo o seu recordo e esixir ás autoridades que sigan investigando o caso, centos de persoas arrouparon á súa familia cunha manifestación que se celebrou este venres.

Familiares e amigos de Sonia Iglesias encabezaron unha marcha que partiu da praza da Ferrería e que, como en anos anteriores, detívose uns minutos fronte á tenda de Massimo Dutti en Benito Corbal, establecemento no que traballaba Sonia e ao que nunca chegou naquel fatídico día.

Antes de iniciarse a marcha, visiblemente emocionada, Mari Carmen Iglesias, irmá de Sonia, quixo dar as grazas a todas aquelas persoas que, ao longo destes sete anos, permaneceron ao seu lado, "axudándonos a que o recordo de Sonia non se perda no esquecemento e que se faga xustiza".

Para toda a familia, dixo, foron sete anos "interminables" sen saber nada de Sonia, "unha ferida que segue aberta e que seguirá sangrando ata que podamos coñecer que lle pasou, quen son os culpables da súa desaparición, que fixeron con ela e por que".

Todas estas preguntas, lamentou Mari Carmen Iglesias, "seguen sen responderse a pesar dos anos e dos nosos incansables intentos por descubrir a verdade" e aos culpables da desaparición da súa irmá.

Este feito cambiou as vidas de toda a familia "para sempre" e deixou, segundo lembrou ao termo da manifestación, "pegadas profundas de dor, rabia e incomprensión", a pesar do cal garantiu que "nunca deixaremos de buscarte, Sonia".

A irmá de Sonia sinalou que seguirán loitando "ata o noso último alento" para que o culpable da súa desaparición "pague a súa pena ante a xustiza" e recoñeceu que "nos quita o soño" pensar que alguén da súa contorna "puidese ser tan cruel de arrebatárnola desta maneira tan devastadora, sen deixarnos un lugar para chorala".

Mari Carmen sinalou que o apoio dos pontevedreses nesta manifestación "dános forza para seguir loitando" e advertiu que non esquecerán xamais desta loita "porque sería como esquecela a ela" e enviar a mensaxe ao culpable de que "nos demos por vencido e que aceptamos que a súa desaparición quedará impune".

"Iso non pasará", garantiu a irmá de Sonia Iglesias antes de que un longo aplauso acompañara á súa intervención.

Arquivado en