Pontevedra xa está inmersa de cheo na Feira Franca. Tras o espectáculo inaugural de onte á noite, a celebración arrancou, como é habitual, coa recreación do ancestral transporte do viño.
A Asociación Recriativa de Xeve foi a encargada un ano máis de recrear esta estampa, que lembra o momento no que chegaba á Pontevedra do medievo o viño do Ribeiro que acababa de ser cultivado, desde o Camiño Vello de Castela ata a Praza da Ferrería.
Centos de persoas non quixeron perderse este icónico momento da Feira Franca e acompañaron á comitiva, chea de arrieiros, mercadores e labradores, por todo o seu percorrido.
O traslado do viño, que partiu desde Santa Clara, pasou por Sarmiento, Pasantería e Praza da Ferrería, antes de concluír na Praza da Peregrina.
No desfile participaron tamén agrupacións como A Xanela de Maxín, Troula e o grupo Duos Pontes, que amenizaron esta recreación con música e animación.
A Feira Franca, declarada festa de interese turístico de Galicia, conmemora o mercado dun mes libre de impostos co que o rei Enrique IV premiou en 1463 á Boa Vila pola súa fidelidade, quince días antes e outros quince despois de 24 de agosto, festividade de San Bartolomé.