Novo récord de pernoitas hoteleiras en Sanxenxo durante setembro

Sanxenxo
23 de outubro 2023

O dato de setembro mantén Sanxenxo como un dos destinos líderes en pernoitas de Galicia e o norte de España, só superado por Santiago e San Sebastián

Maletas de turistas na recepción dun hotel Mónica Patxot

O Instituto Nacional de Estatística (INE) deu a coñecer os datos de pernoitas do pasado mes de setembro.

Segundo as cifras do INE, Sanxenxo rexistra un novo récord en setembro con 123.119 pernoitas hostaleiras, unha cifra lixeiramente superior á lograda no mesmo período de 2019 (122.971 aloxamentos).

O dato de setembro mantén Sanxenxo como un dos destinos líderes en pernoitas de Galicia e o norte de España, só superado por Santiago (177.926) e San Sebastián (187.262). Destaca en cifras con respecto a outros puntos turísticos galegos, como A Coruña (92.022), O Grove (40.604) ou Vigo (98.933), e do norte de España, situándose por diante de Bilbao (106.162). 

Desde o Concello de Sanxenxo inciden en que estas pernoitas hostaleiras son só unha parte do total das prazas de aloxamentos turísticos (9.415), xa que o municipio conta con 54.833 en segundas residencias, 13.365 en vivendas de uso turístico, 4.773 en cámpings e 2.767 en apartamentos turísticos.

En canto ao número de establecementos abertos, o INE contabiliza 128 con 7.712 prazas, un grao de ocupación medio de 52,24% e un total de 1.173 persoas empregadas.