Novo punto de auga de helicóptero en Tenorio para facer fronte aos lumes forestais

Cerdedo-Cotobade
13 de marzo 2018

O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, visitou a obra que executa a Consellería de Medio Rural nesta zona de Alto Risco de Incendios Forestais, situada no municipio de Cerdedo-Cotobade

Visita de Cores Tourís ao novo punto de auga en Tenorio Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia está a construír novos puntos de auga para helicópteros de alta capacidade como medida preventiva para facer fronte aos incendios forestais. Dous deles atópanse situados no municipio de Cerdedo-Cotobade, en Tenorio e en Caroi, cun orzamento global de preto de 134.000 euros.

Este martes 13, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, comprobaba os traballos que levaron a cabo a través da Consellería do Medio Rural para preparar o novo depósito de Tenorio, na Laxe.

O responsable da Xunta indicou que para mellorar a eficiencia da distribución para facer fronte aos lumes, o executivo autonómico decidiu construír cinco puntos de auga no distrito XIX Caldas-Salnés, entre os que se atopan os dous situados en Cerdedo-Cotobade.

Cada punto de auga conta con máis de 492 metros cúbicos de formigón, cun diámetro interior de 14 metros e 3,20 metros de altura. As novas construcións permiten incrementar un 40% a capacidade media dos depósitos xa creados. Segundo Cores Tourís, esta nova rede permite que as cadencias das descargas das aeronaves sexa cada cinco minutos sobre unha área de 3,3 km minimizando o percorrido dos incendios. 

O investimento realizado pola Xunta na obra de Tenorio ascende a 61.196 euros mentres que a de Caroi, en Boza do Home, supera os 72.600 euros. Cada unha destas construcións dispón dun abrevadero de formigón de 5,5 metros de ancho para o gando que pastorea por ese territorio e para a fauna silvestre.

Os terreos foron cedidos, neste caso, pola comunidade de montes de Tenorio coa que colaborará desde o executivo autonómico cun hidrante para motobombas a pé da estrada que une o campo de fútbol de Tenorio coa PO-233 para atender calquera emerxencia.

Cores Tourís estivo acompañado durante a visita polo presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; pola presidenta da comunidade de montes, Ana Casal; polo xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo e polo xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.