O 'novo' Pazo de Lourizán mostrará en novembro a súa futura imaxe

Pontevedra
22 de outubro 2024
Actualizado: 16:02

A Xunta inaugurará na cidade do Lérez unha exposición aberta ao público formada polos oito deseños arquitectónicos finalistas do concurso de ideas convocado para a súa rehabilitación integral

Pazo de Lourizán PontevedraViva

O xurado que decidirá que estudo de arquitectura reforma o Pazo de Lourizán xa está a estudar as propostas dos oito finalistas do certame de ideas convocado pola Xunta de Galicia.

A intención do goberno galego é dar a coñecer o gañador no mes de novembro. Así o avanzou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tras un encontro co xurado.

A obras de rehabilitación integral do pazo, que contarán cun orzamento estimado de máis de 17 millóns de euros, comezarán en 2025 e, segundo as previsións, concluirán en 2027.

"É un proxecto moi ilusionante para Galicia e para Pontevedra", destacou Lorenzana.

A Xunta inaugurará na cidade do Lérez unha exposición aberta ao público formada polos oito deseños arquitectónicos finalistas do concurso.

Xuntanza do xurado do certame de ideas para o Pazo de LourizánXunta de Galicia

Deste xeito, o goberno galego busca que a cidadanía poida ver os distintos proxectos propostos e coñecer os criterios que definen a elección do gañador.

Ademais da exposición, o fallo emitirá tres premios e concederá accésit aos finalistas restantes.

A futura reforma, explicou a conselleira de Economía e Industria, comprende o tratamento integral dos edificios históricos, que datan de finais do século XIX, e que, xunto cos xardíns, ocupan unha extensión de máis de 45 hectáreas.

O proxecto de rehabilitación contempla a construción dun hotel de catro estrelas, unha área de exposicións na planta baixa, un espazo público multiusos, así como un punto de encontro para a ciencia e a empresa forestal.

A Finca de Lourizán, onde se empraza o pazo, tamén é a sede do Centro de Investigacións Forestais, integrado agora na Axencia Galega da Industria Forestal (Xera). Este recinto, con este proxecto, adquirirá unha nova vida e novos usos sen perder a súa vinculación co sector forestal.