"Novo ciclo" no goberno municipal: "Estamos contentos de comezar a traballar"

Pontevedra
17 de xuño 2019

O novo goberno municipal xa se puxo mans á obra. Os quince edís do BNG e do PSdeG-PSOE comezaron a acomodarse ás súas renovadas responsabilidades. "Comezamos a traballar sen perder un minuto", sinalou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que substitúe nesta responsabilidade a Raimundo González

Primeira Xunta de Goberno do mandato 2019-2023 Mónica Patxot

O novo goberno municipal xa se puxo mans á obra. Os quince edís do BNG e do PSdeG-PSOE, tras a toma de posesión do pasado sábado, comezaron a acomodarse ás súas renovadas responsabilidades.

"Comezamos a traballar sen perder un minuto", sinalou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que substitúe nesta responsabilidade a Raimundo González.

Ademais da reorganización interna e de espazos que debe realizar o Concello coa entrada dos catro edís socialistas, os integrantes do goberno compartiron xa a súa primeira Xunta de Goberno.

Neste órgano, segundo avanzou Gulías, estarán os nove edís do BNG -Eva Vilaverde, César Mosquera, Raimundo González, Carme da Silva, Carmen Fouces, Alberto Oubiña, Xaquín Moreda, ademais de Miguel Anxo Fernández Lores e a propia Anabel Gulías, e os concelleiros socialistas Tino Fernández e Iván Puentes.

A proposta de organización, que entre outras cuestións definirá as dedicacións exclusivas para goberno e oposición, atópase "moi avanzada", segundo a portavoz municipal, e será aprobada no pleno que se celebrará este mércores ás 11.00 horas.