Novo ataque á burbulla decorativa de Nadal situada diante do Mercado de Abastos

Pontevedra
08 de decembro 2022

Volveu pasar. Horas máis tarde de que fora reparada esta esfera que adorna a entrada ao Mercado de Abastos de Pontevedra, algún vándalo decidiu repetir a acción e estragar esta burbulla, instalada na rúa Serra, destinada a realizar fotografías durante estas festas de Nadal. Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, lamenta estas accións e avanza que vai ser trasladada á Alameda

Zona rota da esfera de Nadal situada diante do Mercado de Abastos PontevedraViva

A media tarde deste mércores 7 quedaba reparada a bóla-photocall situada na rúa Serra, diante do Mercado de Abastos, despois de ser vítima dun acto vandálico na noite do luns ao martes desta semana. 

Na mañá deste xoves, a burbulla volvía aparecer desinchada tras sufrir outro ataque durante a noite. Este elemento decorativo, promovido pola concellería de Promoción Económica, para que durante estas festas aquelas persoas que o desexen poidan realizar fotografías cunha mensaxe de 'Boas festas' xa sufriu dous ataques en tres noites, desde que foi inaugurado o luns 5 desta semana por representantes da corporación municipal.

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, móstrase sorprendida e lamentou esta nova acción vandálica. Afirma que a bóla se vai a arranxar de inmediato con medios propios e sen necesidade de acudir á empresa que instalou a esfera.

"Isto sóame xa a acto vandálico orquestrado porque onte houbo vixilancia e saben que hai cámaras", asegura a concelleira responsable destes elementos lumínicos, que lembra que a Policía Local mantén aberta a investigación para identificar á persoa ou grupo de persoas que realizaron o primeiro ataque.

En todo caso, avanzou a PontevedraViva que o vindeiro sábado esta burbulla será trasladada á Alameda de Pontevedra a un espazo no que existe unha vixilancia permanente. 

A decoración lumínica do Mercado de Abastos supuxo un desembolso de 40.000 euros para as arcas municipais.