Nove residentes en Sanxenxo superan o século de vida

Sanxenxo
25 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Este luns a portonovesa Carmen Uhía recibía a visita do alcalde Telmo Martín e da concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, con motivo do seu centenario, que foi celebrado en familia. Esta veciña recibía en 2023 a Raia de Ouro pola súa traxectoria vencellada á venda tradicional de peixe

Telmo Martín, Carmen Uhía e Paz Lago Concello de Sanxenxo

Carmen Uhía Martínez é unha portonovesa moi coñecida pola súa longa traxectoria vinculada á venda de peixe. Cumpriu cen anos e este luns o alcalde Telmo Martín e a concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, celebraban con ela o seu aniversario.

Esta veciña, emocionada e agradecida, recibía un ramo de flores. En 2023 tamén se recoñecía a súa vida profesional na entrega da Raia de Ouro.

Carmen Uhía destaca pola súa memoria privilexiada e por manterse en boa forma física.

Todas as mañás realiza un paseo ata Montalvo. Precisamente aproveitou a oportunidade de pedirlle ao alcalde un novo banco para descansar durante este camiño que realiza a pé, acompañada dunha amiga.

Telmo Martín comprometeuse a realizar o percorrido coa centenaria: "é unha sorte que contemos con veciñas como vostede. Merece un banco e moito máis".

Non consome lácteos nin conservas e sempre come un anaquiño de pan de sobremesa. Ademais reza o rosario de memoria diariamente.

En Sanxenxo actualmente hai empadroados un total de nove veciños e veciñas que cumpren entre 100 e 106 anos neste 2024. O Concello decidiu institucionalizar este recoñecemento veciñal ás persoas centenarias.