Un pontevedrés será condenado coa súa conformidade a nove meses de prisión e o pago dunha multa de 1.800 euros (dez meses a seis euros diarios) como autor dun delito de incendio forestal por imprudencia grave por causar un lume nun monte de Pontevedra ao descontrolarse unha queima de restos forestais que realizou sen pedir permiso nin adoptar as precaucións de seguridade necesarias.
O home chegou a un acordo coa Fiscalía que evitou que sentase no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra. O xuízo estaba previsto para este martes 9 de abril, pero o acordo de conformidade asinouse xa o pasado día 1.
Nese acordo, aceptou, ademais da pena de prisión e multa, indemnizar á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia con 5.529,03 euros, o importe no que se cifraron os gastos investidos para a extinción do incendio. Así mesmo, froito dese acordo, acordouse que poderá evitar o ingreso en prisión sempre que cumpra o resto da condena.
O incendio polo que foi condenado rexistrouse en agosto de 2017, cando as acusado realizou queimas de restos forestais nunha leira da súa propiedade en Pontevedra sen solicitar previa licenza, sen ter en conta a existencia de parcelas arborizadas que limitan coa súa e sen realizar as correspondentes franxas perimetrais de seguridade esixidas.
Así, antes de prender lume non eliminou, como é obrigatorio, calquera resto vexetal nun radio de polo menos 5 metros nin tampouco contaba con auga suficiente para apagar o lume. Ademais, todo isto realzouno nun día no que a Fiscalía lembra que había un alto risco de incendio, tendo en conta a altas temperatura (27,05 graos), a existencia dun vento dominante de compoñente noroeste (ventos secantes) e unha humidade relativa do 41%.
Debido á falta destas medidas de seguridade e ás condicións descritas, orixinouse un incendio polo descontrol do lume dunha das fogueiras, estendéndose de forma ascendente, afectando a 4.000 metros cadrados de zona forestal de monte particular arboledo con eucalipto como especie dominante e 200 metros cadrados de monte particular raso.
O lume afectou os seus terreos, pero tamén a parcelas doutros catro propietarios e para sufocalo a Xunta tivo que mobilizar medios terrestres e aéreos. Así, os gastos totais de extinción do incendio para a Consellería do Medio Rural ascenderon a 5.529,03 euros, dos cales 2.611,02 foron de gastos de persoal, 1.161,18 de gastos de vehículos contraincendios e 1.756,83 de gastos de medios aéreos.