Nove empresas optan a construír o novo emisario submarino da depuradora

Pontevedra
17 de outubro 2019

Máis de doce millóns de euros investirá a Xunta de Galicia na construción do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, actuación para a que nove empresas presentaron as súas ofertas para elaborar o proxecto e executar as obras

Estación depuradora dos Praceres (EDAR) Marea Pontevedra

Máis de doce millóns de euros investirá a Xunta de Galicia na construción do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, actuación para a que nove empresas presentaron as súas ofertas para elaborar o proxecto e executar as obras.

Esta obra hidráulica está declarada de interese da comunidade autónoma no plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

A actuación divídese na obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo a emisario, e no emisario submarino.

As obras proxectadas darán servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes para o ano horizonte 2042, segundo destaca o goberno galego.

O novo emisario submarino separará os vertidos industriais e os residuais e contará coas dimensións axeitada ás necesidades actuais e futuras

Este proxecto, recorda a Xunta de Galicia, incorporou varias modificacións coa fin de dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública, o que supuxo un incremento duns dous millóns de euros no orzamento.

Así, modificouse a localización da cámara de carga e da estación de bombeo a fin de reducir o seu impacto visual, deixando libre a fachada litoral. Tamén se incrementou a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario para non afectar aos bancos marisqueiros a pé de Praceres, sen que esta medida implique un incremento do volume de escavación.

Ademais deste proxecto, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicará nos próximos días o contrato de mellora da estación depuradora, superando os 28 millóns de euros mobilizados na depuración da ría de Pontevedra.