Nove comparsas nun desfile de Entroido de record na Lama

A Lama
25 de febreiro 2020

Ás oito comparsas que tradicionalmente participan no desfile do Entroido da Lama sumarase nesta ocasión unha novena agrupación, Os Miúdos de Arcade. Iso fará que a festa, que terá lugar o sábado 29 de febreiro ás 17.00 horas, apunte a ser a máis multitudinaria da vila

Desfile do Entroido en A Lama Concello de A Lama

Ás oito comparsas que tradicionalmente participan no desfile do Entroido da Lama sumarase nesta ocasión unha novena agrupación, Os Miúdos de Arcade. Iso fará que a festa, que terá lugar o sábado 29 de febreiro ás 17.00 horas, apunte a ser a máis multitudinaria da vila.

Xunto as comparsas xa confirmadas, Amoriños de Bora, 100 Tolos, Os Canecos, Os da Cana, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas, Os Solfamidas e Os Miúdos, están inscritos xa grupos de lugares tan dispares como Marín, Pontevedra, Campo Lameiro, Poio, Soutomaior, Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e o propio municipio da Lama.

Tamén está anotado un gran número de persoas que participan en categoría individual ou por parella no concurso de disfraces dotado de 1.105 euros en premios.

Coa intención de incentivar a participación de grupos da comarca do Verdugo-Oitavén, habilitáronse dúas categorías: local e visitante, dotadas con premios por igual para favorecer a asistencia e a compensación en premios para os mellores disfraces.

Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse ata este xoves, nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto antes do venres 16 de febreiro.

As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasarrúas de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.

En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido na Lama deberán estar formados por un mínimo de cinco integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática.

Polo que respecta os disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.

O fin de festa, que se celebrará na Alameda da Lama estará marcado pola repartición gratuíta de chocolate con rosca entre o público e as persoas participantes no desfile e a diversión a cargo do conxunto musical TRES.COM que amenizará a xornada para combater o frío e o exceso de calorías cun bo baile.

Arquivado en