Mari Carmen Iglesias, irmá de Sonia, foi a encargada de dar lectura a un comunicado antes de que centos de persoas realizaran un percorrido por varias rúas do centro de Pontevedra lembrando a Sonia Iglesias, a pontevedresa desaparecida o 18 de agosto de 2010.
A súa irmá indicou que despois de nove "duros e longos" anos, a familia segue a reclamar xustiza e mantén a esperanza de atopar o seu corpo e de poñerlle rostro, nome e apelidos á persoa ou persoas que "a arrebataron do noso lado". A familia mantén a certeza de que as persoas responsables da súa desaparición estaban preto, esperando o momento na sombra e créndose co dereito de non compartila con ninguén.
Mari Carmen Iglesias indicou que ninguén está preparado para unha desaparición así pero tampouco para ver aos ollos ao seu asasino e contemplar neles o sentimento de vitoria, de falta de arrepentimento, de convencemento de que se sairá coa súa sen castigo. Afirmou, durante a lectura do manifesto, que esa mirada é a que dá fortaleza aos seus achegados a seguir loitando á espera de que algún día alguén valente fale do que sabe, do que viu, do que participou ou encubriu.
"Loito para que quedar impune non sexa unha opción para o asasino de Sonia e da súa familia, porque a nós tamén nos matou en vida", asegurou a irmá da pontevedresa desaparecida para engadir que o sorriso de Sonia continuará a empapelar as rúas da cidade para lembrarlle ao culpable que recibirá o seu castigo.
Cun agradecemento a todas as persoas presentes, Mari Carmen Iglesias rematou o acto pedindo "Xustiza para Sonia". Despois, a manifestación, á que asistiron representantes de distintas forzas da corporaciónmunicipal pontevedresa, realizou o percorrido habitual por Joaquín Costa, con parada ante a Comisaría da Policía Nacional, para continuar bordeando o Hospital Provincial e retornar por Benito Corbal. Nesa rúa, a comitiva volveu manter outro minuto de silencio ante o establecemento de Massimo Dutti, onde os seus compañeiros de traballo a agardaban a mañá da súa desaparición, hai xa nove anos.
Julio Araújo, ex parella de Sonia Iglesias con quen tivera un fillo, fora investigado xudicialmente e sempre foi o principal sospeitoso da desaparición.