Poio reinicia as sesións formativas impulsadas a través do programa Descubre Poio, que están dirixidas a profesionais do sector da hostalería e restauración.
Así, haberá un ciclo sobre habilidades de comunicación para negocios, que terá lugar no Casal de Ferreirós.
Ademais, está prevista tamén a convocatoria dunha reunión para abordar a creación do Mapa Turístico de Poio, un dos grandes obxectivos do programa, xa que "aspira a converterse nunha ferramenta moi importante, a través da cal as persoas que visiten o noso municipio poderán obter información sobre servizos e punto de interese", segundo a edil de Turismo, Silvia Díaz.
Outro dos obradoiros formativos impulsados desde Descubre Poio será sobre a utilización das novas tecnoloxías no sector, que fará fincapé en cuestións como potenciar a imaxe de marca e acadar unha maior visibilidade e diferenciación en Internet.
Asemade, o 31 de xaneiro haberá unha reunión co obxectivo de que "os profesionais que estean interesados en participar acheguen as súas propostas e, deste xeito, sexamos quen de consolidar unha rede de colaboración", explica Silvia Díaz.
As persoas interesadas en anotarse nalgunha destas citas poderán facelo chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico a ola@descubrepoio.com.
Silvia Díaz agradece, unha vez máis, o "interese e compromiso do sector local", que fan posible a posta en marcha de iniciativas como Descubre Poio.
"As institucións públicas e as entidades privadas debemos ir da man para continuar consolidando ao noso municipio como un referente turístico", conclúe a concelleira de Avante Poio.