Novas mobilizacións en Poio para esixir un servizo sanitario "digno"

Poio
22 de abril 2023

Poio sumarase o 26 de abril ás mobilizacións en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular que se postula contra o desmantelamento da Atención Primaria

Centro de Saúde Anafáns Mónica Patxot

Haberá novas mobilizacións de protesta en Poio para esixir a adopción de medidas por parte da Xunta de Galicia para acabar coa "precariedade" do sistema sanitario e garantir unha prestación en Atención Primaria "de calidade, que poida dar as respostas que a cidadanía demanda". 

Será o vindeiro mércores 26 de abril, ás 20.00 horas, cando se leve a cabo unha concentración ás portas do centro de saúde de Anafáns. 

A cita incluirá a lectura dun manifesto en favor da iniciativa lexislativa popular que a plataforma SOS Sanidade Pública impulsou para ser aprobada no Parlamento de Galicia.

Na última reunión da mesa en defensa dos dereitos sanitarios de Poio, na que figuran os grupos da corporación e representantes do tecido social e asociativo do municipio, acordouse continuar con mobilizacións e actos reivindicativos "en contra do desmantelamento da Atención Primaria e das listas de agarda".